"Percepcións", de Manuel Carballeira, na Casa de Galicia no mes de xullo

A Delegación da Xunta en Madrid acolle a ampla exposición do artista lucense fincado en Valdoviño coa que rende homenaxe ás súas paisaxes e xentes da súa Terra
Madrid, 3 de xullo de 2018.-

"PERCEPCIÓNS" é o título da mostra de pintura do artista lucense fincado en Valdoviño, Manuel Carballeira, inaugurada esta tarde, na que ofrece a evolución das súas creacións, o perfeccionamento da súa técnica e a gran calidade das súas obras que son homenaxe a Galicia, pintando as súas paisaxes, mares e xentes. No acto, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron: Pedro Taboada Martínez, creador e editor de www.pintoresgallegos.com, e autor do prólogo do catálogo elaborado para a ocasión e o propio artista, Manuel Carballeira.

Para Ónega, "na obra de Carballeira palpita a liberdade e circula a inspiración, seica porque segundo escribiu Hermann Hesse: a arte é a contemplación do mundo en estado de graza", e citando a Hubbard sinalou que "a arte non é unha cousa senón un camiño".

A pintura de Manuel Carballeira, nacido en Cospeito (Lugo), é fundamentalmente figurativa, realista e en ocasións impresionista. Pinta paisaxes do natural, mariñas, bodegóns, retratos... realizando algunha incursión no abstracto. Como creativo, desde os 16 anos, realizou murais, con pintura ou aerógrafo; restauración de imaxinería, decoración de retablos, creación de logotipos para marcas comerciais e publicidade, cartelería... empregando case sempre óleo, aínda que tamén realiza traballos en acuarela, pastel, plumilla, acrílico, etc. Ademais é un pintor avezado na arte da pintura rápida, disciplina na que tamén conta con numerosos galardóns e recoñecementos.

O presentador, Pedro Taboada explicou que despois de corenta anos de funcionario da administración, como técnico e informático en Correos, tras a súa xubilación decidiu dedicar a maior parte do seu tempo á difusión e promoción da arte galega e creou o portal www.pintoresgallegos.com, o que lle permitiu coñecer a gran número de creadores. "En Manuel Carballeira atopei non só a un gran artista senón tamén un bo amigo e moi recentemente ao meu profesor de pintura", sinalou, e destacou tanto o seu labor didáctico como a súa pericia nos concursos de pintura rápida. "Acompaño estes tres últimos anos a Carballeira e este gran artista non deixa de sorprenderme, non só pola calidade das pinturas que realiza senón pola especial visión que lle permite escoller o escenario adecuado á realización do seu traballo. Ese saber ver é unha cualidade importante na arte". Naceu na Terra Cha lucense e vive xa desde hai bastantes anos no concello de Valdoviño, expoñendo con regularidade na comarca de Ferrol, San Saturnino, Valdoviño, As Pontes, Narón...

Artista fundamentalmente autodidacta, estudou na Universidades Laborais de Valencia e Ourense, onde se achegou ao mundo das Artes Plásticas da man do artista ourensán Pablo "Oitabén". Desta etapa, algún dos seus profesores foron os primeiros clientes da súa pintura. Despois dun tempo como creativo nunha empresa de deseño gráfico e rotulación, Carballeira dedícase de maneira total á pintura, compaxinando o seu traballo de pintura en estudo e ao aire libre coas clases.

Tamén destacou Taboada a habilidade de Carballeira no retrato, "onde antepon a fidelidade ao retratado á beleza na execución, con acertados resultados de intenso dramatismo". Das mariñas resaltou que Carballeira loce tamén "a súa depurada técnica nas veladuras, conseguindo esas delicadas transparencias das augas costeiras ou dos ríos galegos, obras que destacaron con premios en varios importantes concursos. É, sen dúbida, un dos grandes artistas pintores galegos da actualidade", asegurou Taboada.

Pola súa banda o artista, tras os agradecementos, subliñou que a exposición ofrece "a miña visión artística de diferentes ámbitos e momentos de Galicia. Todo o é sempre desde un contexto pictórico de arte figurativo. A paisaxe, o mar, as xentes...". Ademais, nesta exposición tamén inclúe algunha obra máis contemporánea, non figurativa, exemplo da procura constante e da investigación pictórica. Empezou a pintar desde moi neno e case sempre traballou en profesións vinculadas coa arte. "A día de hoxe dedícome só a pintar e a ensinar. Esta é a miña experiencia e a obra que quero compartir con vostedes a través desta exposición. Espero que lles guste", dixo.

A exposición de Manuel Carballeira poderá visitarse na Salas A e B da Delegación da Xunta en Madrid ata o 29 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos, de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes