A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas co concerto "A cantiga lírica galega"

Composto por dez cancións galegas e ofrecido pola soprano María Rodríguez, acompañada ao piano por Juan Durán
Madrid, 17 de maio de 2017.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia sumouse hoxe ás actividades que están a ter lugar con ocasión do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares, coa celebración do concerto "A cantiga lírica galega", interpretado pola soprano María Rodríguez, acompañada ao piano polo músico Juan Durán. Co obxectivo de "mostrar e presentar a beleza e calidade dos poetas e composicións galegas", o recital compuxérono dez cancións galegas, tanto de compositores galegos como de compositores españois que escribiron música a partir de textos galegos, todos de gran recoñecemento -Mompou, Antón García Abril, Moreno Buendía, Baldomir, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Margarita Viso, Juan Durán, etc.-.

Presentou o acto o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, quen posteriormente deu a palabra ao coordinador de Actividades Culturais da Delegación, Ramón Jiménez, para que comentase as peculiaridades do concerto e a traxectoria de María Rodríguez e Juan Durán. Entre os numerosos asistentes achábase o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.

Ónega evocou que o 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas "por publicarse ese día de 1863, en Vigo, e primeiro exemplar da obra ´Cantares gallegos´, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do ´Rexurdimento´ ou renacemento cultural galego", así como que "a celebración do 17 de maio foi instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou polo seu defensa da nosa lingua". "Este ano de 2017 o Día das Letras Galegas está dedicado ao escritor Carlos Casares", nacido en Ourense en 1941 e falecido en Vigo en 2002, sinalou.

O delegado da Xunta en Madrid lembrou a continuación a figura de Carlos Casares, que se deu a coñecer en 1967 co libro de relatos "Vento ferido" e que escribiu tanto en lingua galega como castelá. Casares, sinalou, estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi lector en varias universidades europeas, catedrático da USC, membro da Real Academia Galega, presidente do Consello da Cultura Galega e autor de, ademais de "Vento ferido" (1967), outras obras como "Cambio en tres" (1969), "Xoguetes para un tempo prohibido" (1975), "Os escuros soños de Clío" (1979), "Ilustrísima" (1980), "Os mortos daquel verán" (1987), "Na marxe de cada día: follas dun diario" (1994) e "Deus sentado nun sillón azul" (1996).

Precisou que Casares tamén publicou libros de literatura infantil, como "A galiña azul" (1968), "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" (1973) e "Lola anda en bicicleta" (1997), e ensaios sobre Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Manuel Curros Enríquez e outros autores da literatura galega.

Pola súa banda, Jiménez, referíndose ao título do concerto, sinalou que "por cantiga referímonos ao xénero típico da poesía medieval, onde a lingua galega era o idioma vehicular para as famosas ´Cantigas? de Alfonso X O Sabio, as ´cantigas de amigo´, etc. Pero a denominación de cantiga chega ata os nosos días a través dos grandes compositores do Rexurdimento como Chané, Montes ou Baldomir".

"O repertorio de cancións galegas para voz e piano constitúe un rico patrimonio da cultura galega onde está o mellor da nosa música. Unha canción como ´Negra sombra´, con texto de Rosalía de Castro e música de Juan Montes é unha xoia músico-poética que define a Galicia musicalmente e que contribuíu á difusión da poesía de Rosalía", explicou, valorando que o Día das Letras Galegas é unha boa ocasión para un concerto destas características, "que une a mellor poesía galega coa música".

María Rodríguez é unha das sopranos españolas máis sobresalientes da súa xeración. Desde o seu debut, en 1992 na Expo de Sevilla coa "Antología de la zarzuela" de José Tamayo xunto a Plácido Domingo ata a actualidade trazou unha brillante carreira. Destacan nela as súas interpretacións nas tempadas do Teatro da Zarzuela do Teatro Real e do Teatro Calderón de Madrid. Actuou en escenarios como o Bellas Artes de México, o Carnegie Hall de Nova York, Gran Teatro del Liceo de Barcelona, Maestranza de Sevilla, Palau de la Música de Valencia, etc. Traballou con directores da importancia de Odón Alonso, Rafael Frühbeck de Burgos, Enrique García Asensio, Jesús López Cobos, Víctor Pablo Pérez, Miguel Roa ou Antoni Ros-Marbà; e con directores de escena como Gerardo Malla, José Carlos Plaza ou Emilio Sagi, entre outros. Participou en estreas da importancia da ópera "Divinas Palabras" do mestre Antón García Abril; cantou a "Novena sinfonía" de Beethoven co Orfeón Donostiarra; o "Stabat Mater" de Pergolesi en Spoleto (Italia) e o "Stabat Mater" de Rossini no Festival de Música Sacra de Marsella. Cantou xunto ao pianista Alejandro Zabala e aos tenores Aquiles Machado e José Carreras.

Juan Durán é compositor, autor de máis dun centenar de obras sinfónicas, de cámara e escénicas. Foi Premio da Cultura Galega en 2013 da Xunta de Galicia e socio fundador da Asociación Galega de Compositores. É Membro do Consello da Cultura Galega. Foi laureado en concursos españois e internacionais e a súa música foi estreada por directores da talla de Antoni Ros-Marbà, Víctor Pablo Pérez, Juanjo Mena, Alejandro Posada e Óliver Díaz. En novembro pasado estreouse no Auditorio Nacional a súa obra "Cervantina" baixo a dirección Víctor Pablo Pérez, quen estreou varias das súas obras xunto ao Orfeón Donostiarra, a Sinfónica de Galicia e a Sinfónica de Tenerife.

 

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes