Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Sial Pigmalión presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a obra "Costa da Morte: territorio literario"

Coordinada e revisada pola escritora Branca Vilela, recolle poemas, relatos, fotografías e ilustracións de 42 autores galegos, inspirados nesta zona de Galicia
Madrid, 30 de novembro de 2017.

O Grupo Editorial Sial Pigmalión presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a obra "Costa da Morte: territorio literario" que, coordinada e revisada pola escritora Branca Vilela, e escrita en galego e castelán, recolle poemas, relatos, fotografías e ilustracións de 42 autores galegos, inspirados nesta zona de Galicia. Na presentación participaron o editor, Basilio Rodríguez Cañada, a escritora fisterrá e coordinadora da antoloxía Branca Vilela, os escritores antologados Vicente Araguas, Xoanxo Cespón e José Manuel Otero Lastres, que non puido asistir no último momento pero envío a súa intervención, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Jiménez apreciou que no libro presentado nótase "a man exquisita" de Branca Vilela, "pois a edición resultou dunha beleza pouco común neste tipo de antoloxías". "Sen dúbida contribuíron a iso as achegas das imaxes dos ilustradores, pintores e fotógrafos participantes, que a enriquecen coa súa calidade, a súa sabia distribución ao longo do libro e a pincelada en ocasións da cor", valorou.

Rodríguez Cañada explicou que con esta obra Sial Pigmalión dá continuidade a "unha colección de publicacións ["Territorios literarios"] que percorrerán algúns das paraxes máis suxestivas da xeografía e a literatura iberoamericana, unha viaxe no tempo e no espazo do que darán conta reputados artistas e creadores", "un exercicio de creación compartida, co único afán de ´literaturizar´ a historia, de personificar mitos ou de recrear a imaxe mercantilizada destas poboacións". Neste sentido, mantivo que "baixo a experta batuta da escritora e poeta fisterrá Branca Vilela, corenta e dous excelentes escritores e artistas galegos ofrécennos múltiples, variadas e novas lecturas dun mesmo contexto xeográfico convertido en transfondo e tema literario: a Costa da Morte".

Cespón, que plasmou na obra a esencia da Costa da Morte e os seus habitantes desde as súas tres facetas artísticas, a de fotógrafo, a de poeta e a de pintor, que se completan dando forma ao espírito da rexión, "ese espírito que non ten medo á morte", leu o seu poema no libro: "Somos Terra, formas transeúntes, namorados de paso... Somos Auga, leito de bágoas... Somos Fogar no fin da terra, nos días de loita... Somos Costa da Morte".

Araguas valoro que é "un libro fermoso, amplo, liberal (no sentido de xeneroso) sobre un dos territorios míticos dun país tan mítico de seu como é Galicia. Prolongación do camiño de Santiago e final do mundo para os clásicos". "Branca Vilela discorreu un conxunto de beleza e harmonía onde os versos, as prosas e as ilustracións conforman un todo pracenteiro", afirmou . Dos autores, citou a algúns dos que, observou, "pasaron por esta Casa de Galicia para dicir nalgún momento os seus versos ou as súas prosas". "Marilar Aleixandre, Manolo Rivas, María Lado, Julio López Valcárcel, Otero Lastres, Rosalía Fernández Rial ou a propia Branca Vilela moran, entre outros, nesta casa/causa común que é esa Costa da Morte, nome cheo de inquietude fermosa ou beleza salvaxe".

Otero Lastres observou no texto remitido que os autores da obra son "de mar e terra" e teñen "os pés firmemente pousados sobre un terreo, pero desde o que se divisa o mar no horizonte", o que considera que inflúe en que "sen deixar de ver o inmediato, interésanos a amplitude da distancia" e que esa dobre visión do mar e a terra fai que tendan "a completar todo aquilo no que intervimos". Mantivo que quen é "deste marabilloso lugar xeográfico" non temen á morte "porque sabemos que non existe, senón que só representa o punto final de cada existencia", e que os autores deste libro reivindican nel "o seu lugar de orixe como selo de sensibilidade xeradora de sentimentos".

Vilela resaltou que son 42 "as voces, as mans, os ollos, o sentir, os latexados, a pel, a alma, o sangue, a paixón, o amor, a alegría, a beleza e tamén a dor dos autores que cederon con agarimo os seus traballos para, con este libro, mostrar a nosa terra e demostrar que tamén se pode chamar Costa da Creación, Costa da Vida, Costa da Cultura, Costa da Inspiración...", "artesáns da palabra e as cores" que colaboran para "darlle forma artística a unha identidade".

Os autores que participan na obra son: Juanma Abelleira Ronquete, Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Rocío Blanco Formoso, Fernando Cabeza Pereira, Fernando Cabeza Quiles, María Canosa, Xoanxo Cespón, Estevo Creus, Sandra Díaz, Rosalía Fernández Rial, Mighel FK, Modesto Fraga, Serxio Igrexas, María Lado, Luis Lamela, Rocío Leira, Natalia Lema, Rafael Lema, Xosé María Lema, Juan Louro Cambeiro, Miguel Mato, Jorge Mira, Rosa Méndez, Alexandre Nerium, José Manuel Otero Lastres, Anxo Pérez, X. H. Rivadulla Corcón, Viki Rivadulla, Manuel Rivas, Olaia Sendón, Nolo Suárez, Pedro Tasende, Roberto Traba Velay, Xulio Valcárcel, Diana Varela Puñal, Miguel Vázquez Freire, Branca Vilela, Miro Villar e Yano Yoro. De todos eles hai unha pequena biografía ao final da obra.


 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes