José Ramón Ónega, distinguido co "Castiñeiro de FAGAMA"

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia recibiu o máximo galardón da Federación de Asociacións Galegas en Madrid
Madrid, 19 de novembro de 2017

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega recibiu este fin de semana o "Castiñeiro de FAGAMA", (Federación de Asociacións Galegas en Madrid), pola "inestimable e valiosa axuda que sempre nos outorga e a súa xenerosa dispoñibilidade e colaboración coas colectividades galegas".

"Hónrame moito esta distinción, que vén ser o premio Nobel da galeguidade", dixo Ónega no acto de entrega, "agradezoa, valoroa e levareina no corazón porque é o froito da vosa amizade, agarimo e afecto que me consta son sentimentos sinceros e eternos".

Ovidio Cadenas e Fernando Gómez, presidente e secretario de FAGAMA fixeron a entrega do Castiñeiro a Ónega nun sinxelo pero emotivo acto que tivo lugar na localidade madrileña de Griñón, no transcurso da tradicional festa do Magosto á que acudiron máis de duascentas persoas, entre elas directivos e membros das diferentes asociacións que integran a Federación: Asociación de Taxistas Galegos en Madrid, ATAGAMA; Casa Galega de Alcorcón; Casa Galega de Fuenlabrada; Centro Galego Corredor do Henares; Centro Galego de Móstoles; Centro Galego do Noroeste; Centro Galego da Serra de Madrid; Centro Galego de Tres Cantos; e Xuntanza de Galegos en Alcobendas.

O "Castiñeiro de FAGAMA", foi concibido para distinguir e premiar a persoas ou entidades que destaquen pola súa axuda e colaboración en pro da Federación de Asociacións Galegas en Madrid e, polo tanto, das Colectividades Galegas en Madrid. Dispúxose que esta distinción fose un castiñeiro ou castaño, dado que se entregaría nas celebracións do Magosto. Foi establecido no ano 2014. Recibírono: Enrique Santín, Andrés Ramos; Carlos de Blas e agora tamén, José Ramón Ónega.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes