Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

"Incógnitas", esculturas da artista Paz Santos, na Delegación da Xunta ata o día 30 de novembro

A Casa de Galicia ofrece a mostra, cuxo soporte predominante é a madeira, obras rotundas e lixeiras que configuran unha sorte de bosque encantado
Madrid, 7 de novembro de 2017

Desde esta tarde e ata o día 30, a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerá a mostra de escultura "INCÓGNITAS", de Paz Santos Santiago, soriana aínda que moi vinculada con Galicia, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, e cuxas  pezas, rotundas e á vez lixeiras, impactan no observador.

Aínda que a exposición incorpora pequenas figuras de cerámica, e elementos de metal, o soporte predominante é a madeira, coa que crea obras únicas, macizas pola súa rotundez e ao mesmo tempo lixeiras polo seu tratamento, configurando unha sorte de bosque encantado.

No acto de inauguración interviñeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia Ramón Jiménez -que o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega-; a poeta, escritora e crítica de arte, Encarnación Pisonero, que asina os textos sobre Artes Plásticas como Scardanelli e é Membro da Asociación Internacional de Críticos de Arte (A.I.C.A.); e a propia escultora, Paz Santos Santiago.

Jiménez, achegou algúns datos de Paz Santos, que "ten a súa base na Fundación Torre-Pujales de Corme, na Costa da Morte, desde onde percorre a beira do mar buscando inspiración para as súas obras e materiais que lle permitan a súa confección".

Pola súa banda Scardanelli, que segue desde hai anos a obra de Paz Santos, a través das súas exposicións e visitando o seu taller, asegurou que nela danse tanto "unha vocación auténtica como unha gran preparación que vai aumentando coa experimentación de novas técnicas e novos materiais".

Sinalou ademais que nesta mostra "atopamos chiscadelas de complicidade para levarnos a un facer utópico despois de mostrarnos os abusos e inxustizas do noso mundo confortable que ignora a traxedia dos desprotexidos e o abuso xeneralizado da natureza". Nesta exposición, "vemos a coherencia do seu traballo ao observar, en parte, a prolongación da súa exposición anterior A idade da conciencia. Tamén vemos a verticalidade da árbore que nos dá a medida do home, onde a golpe de gubia saca do tronco a humanidade que a natureza contén". En relación ao título "acerta Paz Santos" con Incógnitas, pois "expón unha serie de interrogantes ao observador que non debemos deixar de facernos, a través da beleza das súas obras, e a suxestión desas ramas retorcéndose ou a magnífica Tránsito, onde a través do ferro, a madeira e a cerámica escenifica unha das traxedias do noso tempo, unha barca cargada de esperanzas, onde a maioría son acompañados por Caronte e poucos alcanzan o horizonte dunha vida digna".

Pola súa banda, a artista comentou que despois de tantas viaxes por Galicia e as súas estancias na Costa da Morte "tiña o reto de dedicar unha exposición ao coñecemento que me daban os paseos polas fragas, as corredoiras, os montes e as costas". Ademais, sentiu a necesidade de utilizar os materiais máis autóctonos, desde os refugallos que trae o mar ás madeiras atopadas. Seguíronlle "portes de materiais, idas e vindas e o pracer no taller de intervir estes elementos case máxicos". O resultado é esta exposición "coa que tanto gocei e que tantas cousas me fixo incorporar á miña traxectoria persoal". O título "Incógnitas" obedece a que "Galicia é un territorio inabarcable do que nunca poderemos desentrañar todas as súas incógnitas. Cada peza é unha pequenísima parte desvelada de todo o que Galicia esconde.

Máis información en http://www.pazsantos.es/

A mostra, situada na sala B do edificio, poderá visitarse ata o 30 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes