"Os habitantes de Gaia", infografías e videoanimacións de Loreto Blanco Salgueiro, na Casa de Galicia ata o día 30 de este mes

A Delegación da Xunta en Madrid acolle as creacións da artista pontevedresa nas que estuda as relacións entre a natureza, o ser humano e a súa mente
Madrid, 7 de novembro de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a inauguración da mostra de infografías e videoanimacións "OS HABITANTES DE GAIA", da artista pontevedresa Loreto Blanco Salgueiro, doutora en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e na actualidade profesora na Universidade de Vigo. As súas obras constitúen documentos visuais para o estudo das relacións entre a natureza, o ser humano e o seu interior psíquico, do que non hai mapas nin instrucións.

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega e da propia autora, Loreto Blanco Salgueiro.

Jiménez explicou que a exposición "é o froito do descubrimento por parte da artista deses seres camuflados na paisaxe galega entre as ramas e as follas, eses seres procedentes dos catro elementos: aire, terra, lume e auga, que nos observan sen que nos deamos conta". Engadiu que Loreto ten a capacidade de percibir o movemento vivo da nai natureza, "da deusa Gaia, desa entidade superior que cal presenza espiritual descóbrenos e descóbrese, inquiétanos e acóuganos, que -nunha palabra- nos sa". A artista penétrase no bosque encantado para captar un instante fotográfico para atrapar imaxes que logo lle permiten elaborar "esa imaxe fronte a un espello a fin de dobrala e convertela nun palíndromo visual".  Con estas imaxes  tamén confecciona videoanimacións, ao dotalas de movemento. Cos diferentes formatos "facilítanos a apertura da nosa mente á comprensión dunha nova maneira de mirar a Natureza, en definitiva de estar no Mundo", dixo o coordinador nas súas palabras de presentación.

Pola súa banda, a artista engadiu que xa pasaron cinco desde a primeira vez que "un ser da natureza" asomouse por casualidade á súa "xanela virtual", asombrándoa e convidándoa a coñecelo. "Naquel momento, no ano 2012, eran imaxes sinxelas e non chegaba a sospeitar entón, de ningunha maneira aínda, en que formatos ía penetrarme uns anos despois, para materializar todo aquel mundo natural no que me mergullei completamente". Narrou como desde que "se lle asomou o primeiro ser", ante ela abriuse "todo un mundo de sensacións, emocións e desconcerto, polo inesperado", e soubo que "empezaba unha viaxe na que ía estar moi acompañada e que me ía a transformar profundamente, para ben".

Revelou que a natureza foi para ela, desde nena, unha plataforma para a súa conexión coa vida, coa súa maneira de interactuar co que cría fóra dela, alén. "A arte foi o medio de plasmar esa conexión e agora é a maneira de retratar e presentar a todos os seres da natureza que xurdiron desde ela nestes cinco anos". Para Loreto, "a arte é sanación, transformación, toma de consciencia", é un medio para penetrarse no seu ser máis profundo, nas súas sombras e nas súas luces. Tamén agora a arte é un medio para mostrar a unión que o ser humano ten coa natureza, con Gaia, que representa a toda a Terra, e a todos os seres que a habitan. Coa exposición Os habitantes de Gaia a artista fai visibles a moitos deses seres, mostra as súas mensaxes, e o seu desexo de volver interactuar connosco. Para iso válese de infografías, animacións e un xogo de cartas, formatos que utiliza para mostrar "estas presenzas, que espero poidan chegar aos vosos corazóns como chegaron ao meu". Para ela son, "sen dúbida, imaxes xurdidas do amor". A través delas recoñeceuse, e chegou a comprender que a espiritualidade que cría ligada á desmaterialización, a levedad e a mirada añorante inclinada ao ceo, non era en realidade o que lle achegaba o verdadeiro e auténtico equilibrio. "A verdadeira espiritualidade, a que me permite conseguir un auténtico equilibrio na proxección vital, veume de amar a Terra, de enraizarme e nutrirme nela, de conectarme co que a Natureza é, en min e fóra de min, espazo cada vez máis difuso". E concluíu expondo e respondendo a unha cuestión. "Despois de todo... ¿Para qué se non haberiamos de ser habitantes de Gaia, da nosa terra, se non para aprender a amala, a vincularnos  con/nela?"

Máis información en www.loretoblanco.com

A mostra, cuxas obras se expoñen nas sala A e L da Delegación, poderán visitarse ata o 30 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes