A exposición "Horizontes de mar e memoria", da artista arousá Marisa Redondo estará na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia ata o 28 de xullo

O acto de inauguración correu a cargo do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices e o académico correspondente da Real Academia da Historia, José María Blanco
Madrid, martes 4 de xullo de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerá ata o 28 de xullo a mostra pictórica "Horizontes de mar e memoria" da artista de Arousa, Marisa Redondo. O acto de inauguración contou coas intervencións do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o capitán de Navío da Armada e académico correspondente da Real Academia da Historia, José María Blanco; e a propia pintora, quen ofrece na súa obra un universo de cadros que non escatiman texturas nin atrevidas cores para reflectir efectos visuais en mares, barcos, rochas e postas imposibles. Ademais asistiron os deputados Tomás Fole e Pilar Rojo, a diputada autonómica Marta Rodríguez Arias e o senador José Manuel Barreiro, entre outras personalidades.

Para Ónega, "Horizontes de mar e memoria é un fermoso título que corresponde á realidade… un belo horizonte onde o mar resplandece e a memoria preside a creación de Marisa Redondo". Sinalou ademais, citando a André Malraux que "a arte é unha rebeldía contra o destino" e a Kant cando dixo que "a beleza artística non consiste en representar unha cousa bela, senón na bela representación dunha cousa". 

Pola súa banda Miguel Ángel Santalices reiterou nas súas palabras o "compromiso" do Parlamento de Galicia coas artes plásticas e lembrou  que o Pazo do Hórreo alberga unha valiosa e variada colección de arte galega contemporánea. Trátase, nuns  casos, de obras en propiedade e, noutros, de creacións que os autores ceden en depósito, "sabedores de que, deste xeito, póñenas a disposición do conxunto de Galicia".  O presidente do Parlamento destacou a "tenacidade e esforzo admirables" que Marisa Redondo dedica á pintura, unha actividade na que se adentrou despois de xubilarse da docencia". E engadiu que "Galicia non pode entenderse sen o seu mar, que é despensa, fonte de riqueza e vía para intercambios de todo tipo" dixo. "O mar, -acougado, embravecido, ardente nas postas de sol, sempre en disposición de ser surcado en mil e unha singraduras e farturento de recursos- é o fío condutor desta mostra que acredita a solidez técnica da súa autora", finalizou.

O capitán e académico José María Blanco Núñez sinalou que "a forza expresiva da pintura de Marisa, eses raios verdes, que intuímos pero non vimos ata que ela ousou mostralos, as súas furiosas galernas, os seus veleiros máxicos e evocadores de vellas singraduras, as augas da súa ría gardadas por Sálvora e presididas por Arousa, onde Sorolla dixo fracasar polos continuos cambios da cor, constitúen o triunfo dunha expresividade que está apoiada na forza das cores da súa paleta".

Engadiu ademais que "curiosamente, Marisa seguiu camiños contrarios aos de moitos mestres, que "empezaron polo figurativo para caer no abstracto". Pero ela, "na súa evolución artística vai desatracándose do irreal para facer navegar aos seus veleiros ou romper ás súas impresionantes ondas en imaxinarios salseiros". En canto ás texturas, "Marisa non escatima materia, o que destaca nos seus balandros de regatas, cuxas velas portan ben o vento e cuxos cascos flotan sobre a auga, o cal, aínda que pareza evidente, non é fácil de conseguir cos pinceis e significa tamén que se sustenta sobre unha boa dose de debuxo".

Para finalizar, Blanco dixo con terminoloxía mariña que "esta exposición abrigará os gallardos barcos de Marisa, que quedarán  atracados a menos de 200 yardas do porto máxico do Museo do Prado, preto daqueles buques de grandes mestres por ela estudados". E rematou cun categórico, "augurámoslle rotundo éxito". 

Mentres que Marisa Redondo, tras os sentidos agradecementos, comentou cómo a pintura para ela é "unha forma de expresar e canalizar o ánimo de cada instante". A autora vai captando co seu móbil imaxes que lle gustan e que logo utiliza como punto de partida para novas obras, aínda que o resultado nada terá que ver co arranque, xa que é o seu sentimento, o de cada momento, o que vai marcando a dirección do camiño emprendido. Utiliza moitas capas que achegan diferentes texturas. A primeira é sempre unha impregnación negra como base, "porque sobre o negro pódese pintar calquera cor". Esta técnica de capas obrígaa a esperar a que se seque cada unha antes de aplicar a seguinte, polo que é habitual para ela traballar sobre varias obras á vez. Eso sí, coa mar como denominador común.

 

A exposición de Marisa Redondo, cuxas obras ocuparán as salas A e B do edificio, poderá verse ata o 28 de xullo, en horario de: 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes