Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Inaugurada na Casa de Galicia en Madrid a exposición de pinturas e debuxos "Galicia e o Camiño", de Rafael Gil Cerracín

A mostra está aberta ao público desde hoxe e ata o próximo día 30
Madrid, 1 de decembro de 2016.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolle desde hoxe e ata o próximo día 30 a exposición "Galicia e o Camiño", de pinturas e debuxos de temática galega, de Rafael Gil Cerracín, artista madrileño pero habitual nas parroquias pontevedresas de Panxón e Ramallosa, quen xa fixo outra exhibición do seu traballo nas instalacións da Casa en 2011. O pintor e a mostra foron presentados polo director do Banco de Alimentos e "coaching" de directivos Jaime Pereira e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

Jiménez sinalou que Gil Cerracín "expón esta mostra como continuación da que celebrou nas nosas instalacións en abril de 2011, á que entón titulou ´Estampas de Galicia´ e que incluía tamén fotografía". Indicou igualmente que "para unha maior comprensión dos seus cadros, tivo o noso artista convidado a deferencia de poñer a disposición do público visitante unha explicación de cada un deles nun cartafol que colocamos ao final da sala xunto ao libro de firmas".

"A obra que hoxe nos presenta Rafael é un verdadeiro canto á cor e a fantasía dunha terra que unha vez que a coñeciches pasa a formar parte da túa vida. Unha terra onde a choiva é arte e o sol harmonía", declarou Pereira, resaltando "a categoría das súas xentes" e o Camiño de Santiago, "un dos bens culturais máis importantes de España".

Segundo Pereira, Cerracín "ve Galicia desde unha perspectiva colorista, moi viva, moi esperta. Os seus tons azuis derraman enerxía, forza e dan unha gran expresividade á súa paisaxe". "Esta exposición é dunha gran beleza, delicada técnica, exquisito gusto, temática variada e sobre todo enormemente inspiradora", afirmou.

A historiadora de Arte Inmaculada Gil Ruiz explica no prólogo do catálogo da exposición que Gil Cerracín namorouse de Galicia pasando unha tempada nas Rías Baixas, tras a que chegaron un percorrido do Camiño Francés (2010) e os veraneos en Panxón e Ramallosa. Da obra valora que "os seus cadros son unha mestura de luz, cor e sobre todo creatividade" e que usa "cores moi puras, inspiradas na natureza, reflexo das impresións do artista nesta contorna, de maneira máis simbólica que académica". "Niso atopamos semellanza coa obra do pintor simbolista Marc Chagall, que utilizaba a pintura como expresión de diversos sentimentos, en especial do amor", observou.

Pola súa banda, Gil Cerracín explicou que nesta mostra "aparece a palabra ´Camiño´ para subliñar a importancia deste na terra galega que lle dá fama universal na cultura desde tempo inmemorial". Lembrou a que celebrou en 2011, "Estampas de Galicia, debuxo, pintura e fotografía", e sinalou que nesta ocasión suprimiu "o apartado de fotografía, a pesar do meu gusto por ela, para centrarme no debuxo e sobre todo na pintura, utilizando formatos maiores que a vez anterior e sobre todo procurei ser máis creativo para non limitarme só ao que vexo para mostralo aos demais, senón ir máis aló coa imaxinación e reflectir algo non só da miña experiencia persoal, senón de cousas que me contaron ou que lin". "Parafraseando ao meu amigo o pintor Ataúlfo Casado: ´Pinto para facer felices aos demais´, oxalá o consiga", engadiu.

Gil Cerracín é aparellador, profesor e artista plástico. Estudou Arquitectura Técnica na Universidade Politécnica de Madrid e debuxo, gravado e modelado na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos de Madrid e na Escola de Aprendices da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes