O pintor santiagués José Manuel Méndez, Pitelos, exhibe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra "Míticos no leito"

Unha colección de pinturas nas que coñecidos actores do teatro, a televisión e o cinema galegos pousan recreando un personaxe e unha escena da mitoloxía grega
Madrid, 5 marzo de 2018.

O pintor santiagués José Manuel Méndez Rodríguez, Pitelos, inaugurou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra "Míticos non leito", unha colección de pinturas nas que coñecidos actores do teatro, a televisión e o cinema galegos pousan recreando un personaxe da mitoloxía grega (Antígona, Asclepios, Circe, Dánae, Dédalo, Gerión, as Moiras, Pandora, Ulises, etc.) que están acompañadas por bosquexos ao grafito e cartela explicativa do momento en que se desenvolve a acción mitológica. A exposición, que constitúe unha selección de obras da que xa tivo lugar co mesmo título no Museo do Pobo Galego, pode verse nas nosas instalacións, nas que ocupa dúas salas, ata o próximo 30 deste mes de marzo.

Pitelos e a súa obra foron presentados polo doutor José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia e membro correspondente das academias nacionais de Belas Artes e de Historia de España e Portugal, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre o público que acudiu á inauguración achábanse a delegada da Junta de Andalucía en Madrid, Candela Mora González, a maxistrada Purificación Pujol, o xeneral Luis Cebrián, o pintor Luis Feira e o relacións públicas da "jet set" internacional Julio Ayesa.

Ónega resaltou que José Manuel Méndez "reflicte na súa obra pictórica un mundo variado de sensacións, cadencias e ritmos que sorprenden polo seu realismo e forza expresiva" e sinalou que este artista, xunto con outros dous pintores fundo o Grupo FOGA (Fato Onirista Galego), ao que se foron incorporando artistas doutros campos expresivos como a escultura, a música, o teatro e outros". Tamén que en 1982 Méndez participou nunha exposición "happening" baixo o nome Colectivo Tornillo, no que a membros do primeiro grupo sumáronse outros artistas.

No seu percorrido pola traxectoria profesional de J. Ménez, Ónega lembrou que fundou Eidon Vídeo, a segunda produtora de audiovisual registrada en Galicia, que traballou en películas como "Sempre Xonxa", de Chano Piñeiro, e " Edipo e Techné", de Ignacio Villar, que creou a empresa Escenoset, da que é director artístico, que realiza traballos para televisión, ópera, teatro, museos e exposicións ,e que en 2002 reincorporouse ao mundo da pintura, no que se iniciou en 1972, coa recreación de escenas mitológicas gregas transportadas a espazos actuais. En 2006 partició nas mostras "Contos Dixitais" e " Ovo Vitae" e máis tarde expuxo a súa obra nas mostras "Santiago Marítimo", "Retratos con alegoría", " Consolart" e "Míticos no leito".

O doutor Carro Otero, observou que a mostra "reúne unha coidadosa selección de 31 obras, 25 óleos sobre tea e 6 grafitos sobre papel, nas que se reinterpretan os máis selectos asuntos da mitoloxía greco-latina utilizando, para darlle vida aos personaxes evocados, a un grupo moi selecto de homes e mulleres que son ´figuras´ do mundo artístico en xeral e do dos medios audiovisuais en particular, que exercen as súas profesións en Galicia".

"Para ese efecto o pintor elixiu, nun coidadoso ´casting´ aos que lle pareceron, eles e elas, os máis adecuados para o papel pictórico que ían protagonizar; fíxolles sesións completas de pousado, elaborou bosquexos e termino os cadros co acerto de sempre: boa técnica dibujística e pictórica; ´paleta de cores oportuna´; riqueza iconográfica sorprendente en todas as escenas; veracidaz e convicción psicosomática nos retratos e sobre todo iso unha fantasía transfigurativa capaz de enlazar, a través de tantos séculos a época clásica coa moderna", explicou.

"Esta exposición sorprenderá gratísimamente aos seus visitantes pola súa rica oferta de elementos iconográficos, os valores culturais que transmiten, a maneira simpática en que se fai o relato e a boa ordenación espacial do conxunto. Esas ben trabadas circunstancias producirannos, a quen a contemple, múltiples sentimentos e unha moi grata frescura de corazón", mantivo Carro.

Pola súa banda, Méndez agradeceu as presentacións de Ónega e Carro e a acollida da Casa de Galicia e explicou que foi despois dalgúns pousados errados cando se lle ocorreu a idea de traballar con profesionais e facer pousar aos do sector audiovisual.

Máis información sobre J. Méndez en http://www.jmendezportfolio.es/.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes