Fagama celebra na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia en Madrid/Casa de Galicia as "Letras Galegas 2017"

Cun recital de poesía, "Cantata e fuga para Carlos Casares", a cargo do escritor Xosé Carlos Caneiro e do guitarrista Emilio Rúa
Madrid, 17 de xuño de 2017.

A Federación de Asociacións Galegas en Madrid (Fagama) celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia as Letras Galegas 2017 cun recital de poesía, "Cantata e fuga para Carlos Casares", a cargo do escritor Xosé Carlos Caneiro, que ofreceu algúns poemas seus dedicados a Carlos Casares -figura que protagoniza este ano as Letras Galegas- e poemas do propio Casares, con acompañamento musical do guitarrista Emilio Rúa, que tamén cantou algúns dos textos.

O acto foi introducido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega quen deu a benvida aos asistentes, fundamentalmente membros e directivos das asociacións galegas en Madrid, e lembrou que a federación organizadora, Fagama, está composta polo Centro Galego do Corredor do Henares, a Casa Galega de Fuenlabrada, o Centro Galego de Móstoles, o Centro Galego de Tres Cantos, o Centro Galego do Noroeste, o Centro Galego da Serra de Madrid, a Asociación de Taxistas Galegos en Madrid e a Xuntanza de Galegos en Madrid.

Interviñeron así mesmo na presentación o presidente e o secretario de Fagama, Ovidio Cadenas e Fernando Gómez, respectivamente. Tamén Cadenas deu a benvida aos membros e representantes das asociacións galegas en Madrid que participaron no acto, que estivo aberto a todas elas, agradeceu a presenza de Ónega e a axuda do secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, para facer posible a "Cantata e fuga para Carlos Casares" que protagonizou o acto.

Gómez presentou aos intérpretes da "Cantata", de quen asegurou que "atópanse na cúspide da cultura galega". Lembrou que o verinés Xosé Carlos Caneiro é diplomado en Maxisterio, licenciado en Xeografía e Historia, asesor do Centro de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, profesor do curso de "Arte da Ficción e Creación Literaria" na Universidade de Vigo, xornalista que publicou en diversos medios e autor de máis de trinta libros entre biografías, novelas, relatos, poesía e ensaio. É, dixo, "o único escritor que gañou todos os premios relevantes da literatura galega en poesía, novela e xornalismo", ao que tamén se dedica.

De Emilio Rúa destacou que leva tres décadas na música -desde que tiña sete anos- e que ten sete discos no mercado, "todos eles en galego, exceptuando o de ´Querida alegría´ que inclúe cancións en castelán". Enxalzou a súa calidade musical e compositora, que traballa acompañado "da elite de compositores tales como Kepa Junquera, Rosa Cedrón, Budiño, Luís Tosar, Lucía Pérez, etc.", e que ademais dos seus propios temas interpreta aos poetas clásicos galegos, como Rosalía, Ferreiro e Álvaro Cunqueiro, e aos actuais como Xosé Carlos Caneiro, con quen comparte o librodisco, "Despois de tí a Chuvia". Lembrou que a súa canción "Vida Miña" foi elixida polos lectores de "La Voz de Galicia" como unha das dez mellores cancións galegas de todos os tempos e que ten no seu haber os premios nacionais de Cantautores de Cantigas de Mayo ceutí (2004) e o de Nuevos Cantautores de Elxe (2006), en galego.

Ao finalizar o acto, que se abriu e pechou coas gaitas da Xuntanza de Galegos de Alcobendas, os intérpretes da "Cantata" recibiron de Fagama senllas placas de recordo e os participantes no mesmo saíron en autocares cara a Griñón, onde celebraron unha comida de irmandade, o "Xantar do Día das Letras Galegas".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes