Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Delegación da Xunta/Casa de Galicia acolle unha homenaxe a José Antonio Ortiz Baeza, no seu nomeamento como presidente de honra da Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid

Foi presidente executivo da entidade durante os últimos 17 anos
Madrid, 25 de abril de 2018.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde unha homenaxe a José Antonio Ortiz Baeza con ocasión do seu nomeamento como Presidente de Honra da Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid, que el dirixiu durante os últimos 17 anos. O recoñecemento que se lle rendía foi promovido por esta entidade e pola Federación Española de Asociaciones de los Caminos de Santiago.

Interviñeron no acto, ademais do homenaxeado, o novo presidente da Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid, Jorge Martínez-Cava, o presidente da Federación Española de Asociaciones de los Caminos de Santiago, Luis Gutiérrez Perrino, e o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. O acto, que completou o aforamento da sala principal da Delegación da Xunta, finalizou co concerto "El Camino es la meta. Música para el Camino de Santiago", que ofreceron o guitarrista e compositor José Ignacio Hernández Toquero e a solita Mer Pérez, que realizaron unha breve viaxe musical a través do Camiño, con composicións propias.

Jiménez recoñeceu os méritos de José Antonio Ortiz como persoa que lle coñeceu e "traballado con el desde fai máis de vinte anos nos seminarios de conferencias do Camiño de Santiago que levaban o título de José Antonio Cimadevila Covelo", afirmando que "dificilmente se pode achar un colaborador mellor". Lembrou, ademais, algúns datos da súa biografía, como que é peregrino do Camiño, doutor en Filosofía pola Universidad Complutense de Madrid, membro fundacional da Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid, da que logo sería vicepresidente e presidente, membro da Xunta Directiva da Federación Española de Asociaciones del Camino de Santiago, director da revista "Peregrino", creador e coordinador do Premio Internacional Pentafinium Xacobeo e do Trifinium Xacobeo; director do proxecto de investigación "Templos xacobeos en España", colaborador do Instituto Xeográfico Nacional sobre a traza cartográfica do Camiño de Santiago no Mapa Topográfico Nacional e autor de diversas obras e artigos.

Gutiérrez Perrino referiuse ao labor de José Antonio Ortiz como director, desde 2001, da revista "Peregrino", editada pola Federación, na que, sinalou, introduciu cambios na cabeceira e de modernización, facéndoa pasar dunha tirada de 4.000 a máis de 5.000 exemplares. Tamén á súa colaboración coa Federación e en especial coa súa web, que ten máis dun millón de visitas anuais.

"Recompilou o arquivo fotográfico da revista Peregrino, organizándoo e clasificándoo; encargouse de diversas publicacións, de todas as edicións dos premios Pentafinium e Trifinium, da realización do folleto Peregrino a Peregrino e baixo a súa dirección editáronse libros, folletos e mapas que son referencia imprescindible para entender o fenómeno xacobeo destes últimos 30 anos", resaltou.

Martínez-Cava impuxo a José Antonio Ortiz o pin de prata da Asociación como presidente de honra. Antes lembrou a súa traxectoria na presidencia da Asociación. "Cunha perseveranza e capacidade de traballo incansables logrou que os socios comezasen un labor de información aos peregrinos, o mantemento do noso Camino de Madrid, a realización do Seminario anual que facemos nesta Casa [o Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos], publicar libros e folletos, e a participación activa dentro da Federación e no mundo xacobeo", expuxo. "Sen José Antonio Ortiz hoxe a Asociación de Madrid non estaría na posición de privilexio e prestixio que temos en todo o mundo xacobeo", afirmou.

Segundo os datos expostos por Martínez-Cava, no últimos vinte anos a Asociación atendeu a máis de 180.000 peregrinos, expediu máis de 150.000 credenciais, fixo máis 230 marchas percorrendo todos os Camiños de Santiago de España e Portugal e algúns de Francia, integrouse nas redes sociais, conta cunha web e "o noso Camiño de Madrid está entre os máis importantes nas aplicacións para móbiles", no Seminario José Antonio Cimadevila participaron preto de 90 conferenciantes do máis alto nivel, e o seu grupo de teatro, "Os Cómicos de Carretas", realizou máis de 40 representacións de 15 obras propias, ás que asistiron máis de 6.000 espectadores. Ademais, fíxose cargo do albergue de Tardajos e en poucas semanas farase cargo do albergue de Santervás de Campos, xunto aos Hospitaleros Voluntarios de la Federación Española. "A nosa biblioteca, con 2.500 exemplares catalogados e máis 1.500 catálogos, carteis e folletos, é unha das máis importantes do país en temática xacobea", engadiu.

Finalmente, José Antonio Ortiz agradeceu a distinción e as palabras que se lle dedicaron e afirmou que foi un "presidente feliz e enormemente afortunado" "grazas ao xeneroso labor e entusiasmo dos nosos socios e das nosas entidades" e lembrou a "persoas entregadas ao Camiño e aos seus peregrinos", que xa non están entre nós, citando a tres delas en razón das tres entidades promotoras do acto: Elías Valiña como impulsor primigenio do movemento xacobeo e da Federación Española; José Antonio Cimadevila, presidente fundador da Asociación de Madrid e o seu antecesor no cargo; e Manuel Fraga presidente da Xunta de Galicia e promotor do 'Xacobeo', así como da Casa de Galicia en Madrid.

O homenaxeado reflexionou sobre "o peculiar que é o fenómeno xacobeo e o asociacionismo que o arroupa". As asociacións, dixo, adquiriron "uns trazos moi característicos para poder responder a un fenómeno tan esixente como é o Camiño de Santiago" e "aprenderon a traballar nun triplo ámbito: ‘asistencial' por canto atenden a diario aos peregrinos; ‘formativa' en tanto que forman a quen ha de atender aos peregrinos; e ‘investigadora' por canto foron capaces de rescatar do esquecemento este secular Camiño". Por último, fixo unha mención especial a "o noso santo apóstolo Santiago que tanto colma de bens aos seus devotos e peregrinos".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes