Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A exposición "Arquitecto Vázquez Gulías Martínez", con proxectos, debuxos, fotografías e efectos persoais, estará na Delegación da Xunta en Madrid ata o 28 de setembro

No acto de inauguración, ao que acudiron máis dun centenar de persoas, interviñeron os alcaldes de Ourense e O Grove, así como a neta que preside o centro cultural creado para a difusión da obra do insigne arquitecto
Madrid, 11 de setembro de 2017

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega presentou esta tarde a inauguración de mostra "Arquitecto Daniel Vázquez Gulías Martínez", proxectos, debuxos, fotografías e obxectos persoais, organizada en colaboración co Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías M., e o Concello do Grove.  Máis dun centenar de persoas acudiron á Casa para asistir ao acto no que interviñeron os alcaldes de Ourense e do Grove, Jesús Vázquez Abad e José Antonio Cacabelos Rico, xunto con Lucila Vázquez Gulías, avogada, neta do arquitecto Daniel Vázquez Gulías Martínez (1869-1937) e presidenta do centro cultural cuxo obxectivo é a promoción e difusión da obra de Gulías, tanto a nivel arquitectónico como documental, industrial e material.

Ónega, tras as palabras de benvida, sinalou que "é unha honra e un privilexio" para a Casa de Galicia acoller esta exposición e contribuír a difundir en Madrid as obras e proxectos que realizou o recoñecido arquitecto. "Nesta pequena sala temos condesada toda unha vida dedicada a crear. Moitas das súas obras non chegaron aos nosos días, pero as que o fixeron aínda hoxe son exemplo para outros profesionais e pódense admirar en diversas cidades como Ourense, A Coruña, O Grove e cremos que na Habana". Como exemplos citou a Casa Junquera e a casa de Fermín García (actualmente Sede e Centro de exposicións de Afundación), o Hotel Miño, a farmacia Saco e Arce, a Casa Novoa, o colexio Santo Anxo ou o edificio da actual delegación de Defensa. "Espazos como a Praza Maior ou a Alameda seguen mantendo o seu legado, e non podo deixar de citar o edificio do Gran Hotel da Toxa e o Centro Galego da Habana que é unha fiel reprodución do primeiro proxecto que deseñou para o Gran Hotel. Ambos son auténticos iconas no mundo da arquitectura", dixo.

Para o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, "os ourensáns podemos presumir de moitas cousas" como de Historia, "porque son xa dous mil anos os que nos contemplan"; de Cultura que "se foi forxando a través de todo este tempo e aflora a cada paso"; e tamén aludiu a "as grandes bondades que a natureza nos regalou, especialmente as nosas augas termais"; e por suposto, "da calor e da paixón das nosas xentes" que destacan cada día en importantes campos da arte e da ciencia. "Pero sen dúbida debemos estar orgullosos de personaxes que, como Vázquez Gulías, fixeron de Ourense o que é hoxe: unha cidade cosmopolita, aberta ao mundo e cun potencial fantástico para as xeracións que virán. Unha cidade mellor, en definitiva", subliñou.

Pola súa banda, para José Antonio Cacabelos Rico, alcalde do Grove, "falar do Balneario da Toxa en España, Europa e América é falar dun lugar coñecido e famoso". Explicou que foi unha obra que simbolizou a modernidade e a elegancia do turismo termal a principios do século XIX en España. "Grazas á súa arquitectura ecléctica e a todo o conxunto do complexo balneario, hoxe en día, a nosa illa é un referente incuestionable da elite termal neste país". Resaltou ademais que a exposición "é un traballo de moitos anos", -e citou expresamente o labor do investigador Francisco Meis-, "que reflicte a importancia do complexo termal nos albores do século XIX como un pioneiro e iniciador do turismo en Galicia e España". Daniel Vázquez Gulias fixo que "esta gran obra estivese á altura do que foi o primeiro Hotel Resort de España e dos primeiros de Europa que incluía, desde 1909,  o cuarto campo de Golf que se construíu en territorio español". Actualmente o Gran Hotel da Toxa, que foi dos primeiros establecementos en aparecer na Guía Michelín, -mesmo antes,  que o  Ritz de Madrid-, segue liderando as listas da prestixiosa guía.

Para, a avogada e neta do insigne arquitecto Lucila Vázquez Gulías, "tanto a Asociación como esta mostra, realizada grazas ao traballo e empeño do concello do Grove", -quixo recoñecer publicamente-, "perseguen o mesmo obxectivo: dar a coñecer a D. Daniel, como arquitecto pero tamén como persoa, á vez que tentar preservar o noso gran patrimonio cultural. Que se coñeza, e que a súa proxección alcance a súa xusta dimensión". Para Lucila, o seu avó era "un home xenial pero sinxelamente humilde, traballador incansable e namorado da súa profesión". Ademais, considera que a súa maior contribución ao mundo da arquitectura e polo que destacou foi por algo que hoxe non se percibe moito nas edificacións, "o humanismo, que debería ser a causa e fin último de toda construción". O seu único soño foi "ser a alma da terra que máis amou, Galicia e especialmente, Ourense".

A exposición, que a compoñen proxectos, debuxos, fotografías e obxectos persoais de Vázquez Gulías, estará na Casa de Galicia en Madrid ata o día 28 deste mes e poderá visitarse todos os días laborables de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos de 10 a 14 horas. O 28, coincidindo coa clausura, celebrarase unha mesa redonda na que participarán personalidades e diferentes profesionais que profundarán na súa obra e traxectoria vital (19:30 horas).

Daniel Vázquez Gulías Martínez (1869-1937), nacido en Beariz (Ourense), estudou a carreira de Arquitectura en Madrid e ampliou os seus estudos en Viena e Berlín, onde se familiarizou coas inquietudes e movementos artísticos da época. Viaxou por países como Siam, Estados Unidos, Cuba, e cidades como París, Berlín e Budapest. Foi arquitecto municipal e diocesano de Ourense e pasou os últimos anos na Coruña como arquitecto do catastro. Faleceu na Coruña e os seus restos atópanse no panteón familiar deseñado por el mesmo, no cemiterio de San Francisco de Ourense.

Regionalismo, nacionalismo, modernismo (coas múltiples influencias europeas) están presentes na obra de Vázquez Gulías, como en case todos os arquitectos da súa xeración, a do 98. Canteiros, ferreiros, carpinteiros, excepcionais artesáns, colaboraron co arquitecto na enriquecedora fusión entre o culto e o popular que caracteriza a súa obra.

"O Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías Martínez creouse en 2015 como consecuencia do entusiasmo e admiración de quen hoxe conforman a súa xunta directiva, -Celso Rodríguez, Pedro Seara, Luís Pérez de Juan, José Luis Paulos, Juan e Federico Baudín Vázquez Gulías, Carlos Paz, Álvaro Varela, Jesús Anxo Sánchez e dirixida por Luicila Vázquez Gulías- todos profesionais relacionados coa arquitectura, pola curiosidade que transmite o profesional e o personaxe que segue cautivando e non deixou de sorprender, adquirindo, conforme se investiga, unha dimensión maior. En palabras do presidente dos arquitectos de Ourense, Alberto de Paula, "D. Daniel engancha", por iso os estudos seguen, para coñecer máis sobre el.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes