A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro "Mazurca para Camilo José Cela"

A obra reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do escritor padronés, nos que se recupera a súa memoria
Madrid, 19 de abril de 2017

A Delegación da Xunta de Galicia/Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro ‘Mazurca para Camilo José Cela', un volume coordinado por Paco López-Barxas e publicado por Auga Editora coa colaboración da Xunta de Galicia -a través da Consellería de Cultura- que reúne 16 traballos sobre a figura e a obra do escritor padronés nos que se recupera a memoria do que foi un dos artífices das mellores páxinas da literatura española de todos os tempos. Conta cun prólogo de Darío Villanueva e textos de César Antonio Molina, Xosé A. Perozo, Mariano Tudela e García Sabell, entre outros.
 

A obra, que se enmarca nas iniciativas promovidas en 2016 para conmemorar o centenario do premio Nobel galego, ten a súa orixe en Madrid na primavera de 1986, con motivo do 70 aniversario do nacemento do escritor padronés. No marco do centenario do escritor, a obra viu a luz de novo nunha actualizada e coidada edición que aínda hoxe "mantén o máximo interese para coñecer un pouco mellor a figura e obra do premio Nobel galego, da man de intelectuais de primeiro nivel". Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen precisou que se trata dunha "obra pensada para afondar no legado do escritor galego, realizada desde o afecto e o coñecemento".

 O encargado de coordinar esta iniciativa editorial foi Paco López-Barxas, que tamén participou no acto de presentación da obra xunto co director da Casa de Galicia en Madrid e delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; o autor do prólogo do libro e director da Real Academia Española, Darío Villanueva; o director da Casa del Lector e autor dun dos textos, César Antonio Molina; e o editor do volume, Xosé A. Perezo, que tamén escribiu un dos traballos que o conforman.

 Cela, "o mestre e o xenio"

"A obra que presentamos –asegurou o director da Casa de Galicia en Madrid– é un libro importante, no que poñen estilo, mestría e forma experta autores excelentes, de pluma sabia e maxistral". Así mesmo, Ónega destacou a "profunda pegada literaria" que nos deixou Cela, e "non só por obter o Nobel, senón por crear mundos de inspiración", ao tempo que se referiu ao escritor como "un creador que modernizou as letras" e que "aparece nestas páxinas coma o mestre e o xenio cuxa pluma brilla con inspiración sublime", concluíu.

 Tres décadas despois, Auga Editora recupera ‘Mazurca para Camilo José Cela' nunha coidada edición cun novo prólogo de Darío Villanueva e algúns textos corrixidos e aumentados, como o que César Antonio Molina asina a propósito da poesía de Camilo José Cela. A figura e a personalidade de Camilo José Cela, a narrativa, a poesía e o teatro, así como a súa vocación xornalística ou editora, conxúganse neste libro coas experiencias persoais que mantiveron co autor outros colaboradores deste libro, xa falecidos, como Mariano Tudela, Domingo García Sabell, Fernando Huarte Morton ou o que fora o seu secretario particular, Juan Benito Argüelles.

 A capa do libro que agora se edita reproduce para esta edición un retrato fauvista de Cela realizado pola pintora Isabel Pintado, así como unha efixie escultórica da artista galega Soledad Penalta na contracapa do volume.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes