O catedrático da USC José Carlos Bermejo Barrera presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu último libro, "Rectores y privilegiados. Crónica de una universidad"

Nel analiza a evolución da USC na última década
Madrid, 14 de xuño de 2017.

O catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Carlos Bermejo Barrera presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o seu último libro, "Rectores y privilegiados. Crónica de una universidad", unha obra publicada por Ediciones Akal na que se analiza, desde unha perspectiva crítica, a evolución da Universidade de Santiago de Compostela na última década, a través de pequenos ensaios estruturados previamente publicados en prensa, fundamentalmente no diario El Correo Gallego.

Na presentación interviñeron, ademais do propio autor, o subdirector de Edición do grupo editorial Akal, Jesús Espino Nuño, e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Entre os asistentes ao acto estaban a profesora da USC e muller do autor, Mar Llinares, o tradutor, escritor e autor da edición dos artigos do libro Pedro Piedra e o director de El Correo Gallego, José Manuel Rey Nóvoa.

Ónega adiantou que a obra presentada é "un libro con mensaxe. Un libro que denuncia e ensina, unha crónica viva, real, ben escrita. Un libro exemplar". Tamén presentou ao seu autor, destacando o seu rango académico na USC e que "desenvolveu a súa investigación en dous campos: as mitoloxías e as relixións antigas e a teoría da Historia". Sinalou así mesmo que entre as súas moitas publicacións destacan ´Psicoanálisis de conocimiento histórico´, ´El final de la Historia´ ´Entre Historia y Filosofía´, ´Introducción a la sociología del mito griego´, ´Lecturas del mito griego´ (en colaboración), ´La aurora de los enanos´, ´La fragilidad del pensamiento y el fin del pensamiento´ e ´La tentación del rey Midas´". "É así mesmo autor de numerosos traballos aparecidos en revistas nacionais e internacionais relacionadas cos campos da Historia e a Filosofía da Historia", engadiu.

Espino valorou que "a universidade pública en España atravesa por unha difícil situación, especialmente nas disciplinas vinculadas ás Humanidades e as Ciencias Sociais: diminución de recursos, endogamia, precarización do profesorado, caída abrupta do nivel do ensinado, entronización do ´power point´ como ferramenta espuria de estudo, transformación do alumno en cliente..." e que por iso "é necesario defender unha Universidade que, á marxe de calquera criterio mercantilista, volva ser ese lugar que promove o coñecemento por encima de calquera outra consideración, que ensina aos estudantes para pensar con sentido crítico, que promove a lectura, a reflexión e o debate, que anima ao profesor para profundar na súa disciplina, que esixe ejemplaridad non só á comunidade docente, senón especialmente a quen rexe os seus designios". "De aí a importancia dun libro como o do profesor Bermejo, que pon o dedo na chaga sobre os principais males que afectan a tan centenaria institución", concluíu.

Bermejo explicou que "as universidades españolas son case opacas ante a opinión pública porque son os seus propios gabinetes de prensa as únicas fontes das que se extrae a información sobre elas". "Por outra banda, ao contrario do que ocorre no mundo da política ou da empresa, nos que os enfrontamentos verbais son continuos e ás veces moi duros, nas universidades parece haber un pacto de silencio por parte dos profesores e os alumnos, que non poden entender moi ben os carreiros legais propios destas institucións", sinalou.

Segundo o autor, "neste libro ofrécese unha visión desde dentro da universidade española partindo da Universidade de Santiago, unha das mellor situadas nos ránkings de prestixio". "A idea que se defende nel é que os valores da ciencia -publicidade dos datos, liberdade de investigación e espírito crítico- han de presidir tamén a visión interna e a imaxe que as universidades han de dar de si mesmas", precisou.

O libro expón na súa contraportada que esa opacidade "foi posible grazas ao muro protector que construíron os reitores, os únicos cargos públicos que resolven eles mesmos os recursos contra as súas propias resolucións e contra as normativas que aproban nos seus órganos de goberno".

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes