A exposición "Pintura 1997-2017" de Carmen Iglesias estará na Casa de Galicia ata o 30 de outubro

A artista de Compostela fincada en Madrid e orixinaria de Vilaxoán, Vilagarcía, ofrece unha selección das súas obras máis representativas
Madrid, 3 de outubro de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle a exposición "Pintura 1997-2017" de Carmen Iglesias ata o día 30 deste mes de outubro. A artista santiaguesa afincada en Madrid e que pasa longas tempadas no pobo da súa infancia, Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), ofrece unha selección das súas obras máis representativas, nas que predominan bodegóns, paisaxes e retratos relacionados coa súa orixe galaica, o mar e o xardín da casa familiar, temas nos que segue atopando inspiración.

No acto de inauguración interviñeron, o coordinador de Actividades Culturais Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa José Ramón Ónega-, o tamén pintor e director de Comunicación do Banco de Alimentos e coaching para directivos, Jaime Pereira; así como a propia autora, Carmen Iglesias.

Jiménez convidou nas súas palabras á lectura do prólogo ao catálogo elaborado para a ocasión escrito polo catedrático de Socioloxía da UNED e fotógrafo Luís Garrido Medina, autor tamén das imaxes que ilustran a edición.

Pola súa banda, Jaime Pereira definiu á artista como "xovial, alegre, comprometida, inquieta, comunicativa, intrépida, soñadora, pero sobre todo unha gran persoa, unha gran galega e unha gran amiga". Lembrou dela que naceu  en Santiago de Compostela, "esa bela cidade á que tantos e tantos peregrinos acoden cada ano para visitar e rogar ao Apóstolo de España. Cidade acolledora, onde a choiva é arte e os seus evocadores recunchos fontes de inspiración". Tamén aludiu a Vilaxoán, a "fermosa vila do municipio de Vilagarcía de Arousa fundada no ano 1490, por Juan Mariño de Sotomayor e situada na comarca do Salnés". E evocou o Pazo Pardiñas, residencia dos seus avós onde pasou varios invernos entre os seis e os dez anos e onde, sen dúbida, descubriu a súa paixón pola pintura.

Tamén explicou que aínda que leva no sangue a arte, a súa carreira empezou tarde, e decidiu formarse cando sentiu que a súa diversión de nena ía converter a paleta aos poucos na súa verdadeira ferramenta de traballo. "Esa paleta chea de cores, cores vivas que serán o contrasinal da súa ampla obra pictórica", dixo. Tomou como mestre a Fernando Martín alá polo ano 1988 e desde entón non parou de plasmar "a súa alma nos lenzos". A autora, consciente de que un artista nunca deixa de aprender traballa agora no estudo do pintor Antonio Mateos Prieto "para ir perfilando máis e máis o seu estilo e darlle ese selo que faga da súa pintura unha icona".

Da súa obra, Pereira destacou dous cadros que "merecen unha especial mención". Por unha banda, "A praia das Sinas",  onde de nena fixo os seus primeiros castelos de area como unha predición do que viría máis tarde; e "O xardín do Pazo Pardiñas",  onde pasou horas e horas xogando cos seus irmáns e lugar que aínda ten a sorte de poder seguir gozando.

Ademais subliñou tres características da súa obra,  "a vitalidade, que transmite con esas cores radiantes e explosivos que alegran o espírito de forma natural, a plasticidade e simetría, que proporcionan unha beleza que dan sentido á súa forma de concibir a vida; e a naturalidade, plasmada  en bodegóns,  rúas, e praias que che fan sentir como un personaxe máis do cadro". Todo iso: "vitalidade, plasticidade e naturalidade son como a radiografía da súa personalidade artística", reamarcou Pereira.

A artista tras os agradecementos explicou que as obras son a recreación de momentos vividos. "Ante todo, estou moi feliz", dixo moi contenta, e engadiu que as obras "son anacos da vida mesma, e o meu desexo é eternizalos. Cada cadro é un instante". O mesmo cos bodegóns, que lle encantan e por iso "aí están os marmelos da avoa e as composicións". A satisfacción está en plasmalos e agora en compartilos, e en que vos gusten", sinalou con entusiasmo.

A exposición poderá visitarse ata o 30 de outubro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes