A escritora ferrolá Rosa María Milleiro presenta o seu último poemario, "Quise ser la barca comprimida en tus remos", na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia

En edición bilingüe español-galego, realizada polo Grupo Editorial Sial Pigmalión
Madrid, 4 de outubro de 2017.

A escritora, publicista e profesional da comunicación  ferrolá Rosa María Milleiro Domínguez presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu último poemario, "Quise ser la barca comprimida en tus remos", en edición bilingüe español-galego realizada polo Grupo Editorial Sial Pigmalión na súa Colección de Poesía.

No acto interviñeron, ademais da autora, o presidente da Federación Española de Surf, o ferrolano Carlos Jorge García, o senador do PSOE pola Coruña Ángel Mato Escolano, tamén ferrolano, o presidente do Grupo Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, e, o coordinador de Actividades Culturais na Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega.

Jiménez lembrou que este é o terceiro poemario que Milleiro presenta na Casa pois xa presentou aquí  "Amarré la distancia en el cordón de mis zapatos" hai dous anos e  "Acaricé el fresno", en 2013, e expresou a súa admiración polos seus títulos "habitados por tempos verbais pretéritos: acariñei, amarrei, quixen ser..., que denotan a enorme preocupación de Rosa María polo paso do tempo, a gran carga de melancolía que soporta a súa alma, por moi alegre que se nos mostre o seu aspecto". Apuntou así mesmo que "á parte disto e ademais dos libros que mencionei, e outros máis que escribiu, como ´Conversando conmigo en noches de silencio´ ou ´Paseo mis pies desnudos´, Rosa María Milleiro é  publicista e unha profesional da comunicación que presenta e dirixe desde 1994 o programa de medicina preventiva  ´Salud y vida"´ en TVL" e valorou que a súa poesía "límpanos a mirada ao transitala da man do mar, a choiva e o vento, tan presentes nela, como por un túnel de lavado".

Carlos Jorge García estableceu un paralelismo entre a escritora, Ferrol, a poesía e o mar, con conexións entre si como a forza, a serenidade e o espírito, para chegar finalmente a unha parábola co deporte, "no que todos formamos un equipo".

Anxo Mato Escolano destacou o compromiso de Milleiro coa vida que "desvela a súa orixe, que ten que ver co seu pasado, coa súa familia, cunha xeración que, a pesar das dificultades, apegouse ás cousas básicas da natureza, ao mar, para facer fronte ás cousas serias". Tamén ao seu compromiso social, que achou reflectido nalgúns dos seus poemas e no lugar de orixe, Ferrol, "que imprime carácter".

"Con este terceiro poemario que Rosa María Milleiro publica no Grupo Editorial Sial Pigmalión, a voz da autora confírmase como unha das máis fondas e potentes do panorama galego actual", mantivo o editor, Basilio Rodríguez Cañada. "Outra vez un título que é en si un poema, ´Quise ser la barca comprimida en tus remos´, para un conxunto de composicións que presentamos nunha coidada edición bilingüe e que falan de amor, tamén romántico e sensual, pero, sobre todo, de amor á vida e á poesía, verdadeira paixón e compromiso  da autora, que converte o seu libro en bandeira e reivindica a función do poeta como portavoz de sentimentos e necesidades universais. E todo, sempre, con cheiro a mar", explicou.

Pola súa banda, a autora declarou que "´Quise ser la barca comprimida en tus remos´  é a estatística nos mares da miña vida". "Puntualizo sentimentos ao unísono das ondas, corroborando a salinidade dos meus días, en pos de navegar en mares de calma cubertos de amor e bicos no temón da dicha", expuxo, afirmando que "os poetas navegamos en balsas de sentimentos, para non naufragar xamais, na illa ingrata do desamor".

Milleiro  transmitiu "o meu agarimo poético, a todas as persoas que remen no océano de bicos, caricias e  comprensión" e afirmou que "amar exercita a cordura para seguir vivindo abrazando instantes gratos no piélago dos tempos".

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes