A Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta mañá a presentación do Salnés como destino Turístico e Gastronómico

A comarca pontevedresa conta con innumerables atractivos como "Cambados, Cidade Europea do Viño 2017" e a "Ruta do Pai Sarmiento" que leva a Santiago pola costa
Madrid, 28 de novembro de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación da "Comarca do Salnés como destino turístico e gastronómico" e na que se mostraron os seus principais atractivos como "Cambados, Cidade Europea do Viño 2017" ou a "Ruta do Pai Sarmiento", que conduce a Santiago bordeando a costa.

Interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; o presidente da Mancomunidade do Salnés, e alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida; o delegado de Turismo da Mancomunidade do Salnés e tenente alcalde do concello de Sanxenxo, Gonzalo Gonzalo Pita; o concelleiro de Enoturismo do Concello de Cambados, Jose Ramón Abal Varela; o enólogo, fundador da Asociación de Sumilleres de España e crítico de viños, Jesús Flores Téllez; a enóloga e académica de número da Real Academia Española de Gastronomía, Isabel Mijares García-Pelayo; e o presidente da Asociación de Sumilleres de Madrid, Javier Gila García.

Ónega, tras as palabras de benvida, lembrou a modo de introdución que a comarca do Salnés é a máis turística de Galicia. Está situada nas Rías Baixas, compóñena nove concellos (Cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa), e nela pódense gozar experiencias únicas moi vinculadas coa cultura e tradición galega como o poder acompañar ás mariscadoras no proceso de recollida do marisco, visitar unha adega e coñecer o proceso de elaboración do viño, e mesmo en época de vendima pódese participar. Ademais, comentou que A Ruta do Mar é a orixe de todos os Camiños a Santiago. No ano 44 despois de Cristo a Ría de Arousa foi sucada polo barco que transportaba o corpo de Santiago Apóstolo. Este feito, denominado a "Translatio" supuxo a orixe de todas as rutas xacobeas. Polo Salnés pasan dúas delas: a Variante Espiritual do camiño Portugués e a do Pai Sarmiento que entra na "comarca máis pintoresca que poida soñarse", como xa dicía a escritora Emilia Pardo Bazán. Esta é unha senda de 190 qm que recrea a que realizou Frei Martín Sarmiento no Ano Santo de 1745. Un feito que deixou reflectido no libro "Viaxe a Galicia". E ademais, está Cambados, un destino enolóxico e gastronómico por excelencia, coñecido polo seu incrible Conxunto Histórico Artístico, declarado Ben de Interese Cultural e que este ano foi distinguida como "Cidade Europea do Viño 2017".

Os diferentes integrantes da mancomunidade falaron das bondades do clima, os produtos, a variedade de paisaxes, (de mar e montaña) e proxectaron varios audiovisuais dos lugares máis singulares. Na Comarca do Salnés existe unha gran riqueza de recursos patrimoniais, fermosas rutas nas que poder descubrir os segredos dos antigos muíños de auga, carreiros que percorren as marxes dos ríos, frondosos bosques, restos arqueolóxicos de antigos castros, vestixios dos asentamentos celtas en Galicia con máis de 2000 anos de antigüidade, e fortalezas medievais construídas para defenderse das invasións viquingas. Tamén ofrece o atractivo duns viños e unha gastronomía de calidade e recoñecida a nivel internacional. En poucos quilómetros o visitante pode gozar de produtos vinculados ao mar e tamén á montaña e aos destinos de interior.

A Gastronomía Galega é un auténtico referente en España e no mundo. Conta cunha gran variedade de pratos típicos grazas á excelente calidade nas súas materias primas.

Galicia ten unha arraigada cultura mariñeira que a sitúa entre os principais produtores de peixe e marisco do planeta. Os expertos sosteñen que as condicións de auga, temperatura e ondada que se dan nestes fondos mariños fan que os crustáceos e bivalvos posúan un sabor inigualable. O Mexillón é dos exemplos máis evidentes da enorme importancia do sector. A Ría de Arousa é a máis produtiva do mundo neste molusco, o único que ten unha Denominación de Orixe Protexida.

Capítulo á parte merece o viño Albarin?o situado entre os mellores do mundo e que elaboran numerosas adegas, moitas delas situadas en pazos, con xardíns de gran beleza e rodeados dos vin?edos nos que se cultiva a uva albarin?a, autóctona de Galicia e con Denominación de Orixe Rías Baixas. É unha mostra da agricultura galega, marcada polo minifundio, con máis de 21.000 pequenas parcelas de produción. Para que se coñezan máis e mellor organízanse visitas guiadas e catas. A festa do Albariño, declarada de Interese Turístico Nacional é unha das celebracións enogastronómicas máis antigas e máis importantes de España.

A Comarca conta ademais con dous grandes Chefs con Estrela Michelin: Yayo Daporta e Jorge Oleiros, que achegan valor engadido á zona.

Máis información: http://www.osalnes.com/ info@osalnes.com

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes