Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O Concello lucense do Vicedo presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a celebración da "Romaxe Viquinga 2018"

A festa, que terá lugar os días 27 e 28 de xullo, xurdiu tras o descubrimento dun posible asentamento viquingo no municipio
Madrid, 10 de xullo de 2018.

O Concello lucense do Vicedo presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a celebración da "Romaxe Viquinga 2018", que terá lugar os días 27 e 28 de xullo e que xurdiu tras o descubrimento dun posible asentamento viquingo no municipio. Na presentación interviñeron o alcalde-presidente do municipio, José Jesús Novo Martínez, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, o dúo artístico Queiman e Pousa, en representación da parte artística do evento, o senador José Manuel Barreiro e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

No acto presentouse a programación desta terceira edición da romaría, proxectouse un vídeo promocional con imaxes da pasada edición e Queiman e Pousa actuaron en directo con varias cancións do seu espectáculo nas que brillou a bela voz de Andrea Pousa. Entre o numeroso público que acudiu achábase o humorista e presidente da Asociación do Humorismo Español Tony Antonio o senador José Manuel Barreiro, lucense, que foi convidado a sumarse á presentación e expresou o seu apoio á Romaxe Viquinga do Vicedo.

Ónega resaltou que coa presentación recibimos na Casa "un eco do que fomos". "O Vicedo súmase á serie de lugares que descubriron o seu pasado ou están a descubrir a gloria do que foron", observou, lembrando que é, ademais, "un paraíso" do que el persoalmente gozou na súa mocidade, cando no verán visitaba ao cura párroco do municipio, don Luciano, o seu primo, e tiña ocasión de bañarse nas augas do río Sor. "Non é milagre que os viquingos arribasen a este paraíso e aquí asentasen dominio señorial", valorou.

Novo Martínez explicou que "a Romaxe Viquinga nace por mor dunhas escavacións arqueolóxicas coas que se tenta demostrar que no municipio houbo un asentamento viquingo onde se reagrupaban para seguir navegando cara ao sur da Península". "Nesta Romaxe téntase en certa medida reproducir o estilo de vida cotián dunha mota viquinga, con artesanía, vestimenta, armas, etc. Para iso, ademais dos espectáculos durante todo o día, organízanse talleres que nos achegan aínda máis ao estilo de vida desa época", sinalou o alcalde do Vicedo.

Balseiro Orol resaltou que O Vicedo -1.600 habitantes- "asumiu como un reto colectivo, de todos os veciños e veciñas, consolidar esta cita como unha das principais propostas lúdico-culturais da Mariña. En tan só tres edicións, conseguiu ilusionar a todo un pobo e atraer o interese de visitantes de toda Galicia". Un entusiasmo que, dixo, tróuxolles "a presentala en Madrid, na casa de todos os galegos e de todos os que aman a Galicia e á a súa cultura". A acollida do público nas dúas edicións anteriores superou as expectativas, con preto de 3.000 e 5.000 persoas, converténdose nun éxito de asistencia e participación.

Segundo o delegado territorial da Xunta en Lugo, "a romaría é un convite ao goce, á recreación, á representación; a completar a historia imaxinando como puido ser o lugar dous Moutillós que habitaron os antigos castrexos e que se atoparían os viquingos, as naves dos pobos estranxeiros que chegaron á costa de San Román, quizá en busca de tesouros, quizá de novas terras ou dun asentamento temporal antes de continuar a travesía". Unha recreación que "se converte nunha escusa para descubrir os verdadeiros tesouros do Vicedo: as súas praias, as súas paisaxes, as súas xentes. E tamén nunha escusa para indagar e seguir buscando as raíces deste pobo". Finalmente convidou a quen "poida achegarse a Galicia a que non se perdan esta romaría, un espectáculo singular nunha contorna única, que fará que sentan transportados no tempo e no espazo".

Bruxo Queiman e Andrea Pousa destacaron que "as principais novidades desta terceira edición son a concentración nun mesmo lugar dos campamentos viquingos e cristiáns con artesáns, talleres e actividades e que haberá un intercambio cultural entre Galicia e Irlanda no que a asociación Lake Vikings de Dublín enviará a varios dos seus integrantes ata terras do Vicedo para enriquecer o compoñente cultural da festa, ademais participarán no desembarco viquingo". "Tamén se incorporan ás actividades desta edición un enterramento e unha voda viquinga, un gran torneo cristián, espectáculos de lume e música e un desfile de traxes viquingos. Este ano vai ser unha celebración espectacular, con moita forza, pero sen esquecernos do importante, a zona do asentamento de Moutillós, xa que un pobo sen pasado non ten futuro", engadiron.

Estrutura da celebración

A " Romaxe Viquinga" terá á praia de Area Grande (San Román) como principal escenario. A tarde do venres 27 celébrase na Casa da Cultura o pregón que supón o pistoletazo de saída da festa, a cargo do actor Antonio Durán "Morris". Tras el, haberá unha serie de charlas sobre o asentamento de Os Moutillós, os costumes viquingos e as novidades nas prospeccións arqueolóxicas. Para finalizar, proponse un evento gastronómico relacionado coa Romaxe (ruta de tapas ou similar) acompañado polo despregamento de pasacalles, exhibicións e actividades recreativas das agrupacións viquingas que acoden á celebración desde diferentes puntos de Galicia e España.

O sábado, xa na praia de Area Grande, a media mañá producirase o "desembarco viquingo", recreación na que participa unha pequena embarcación normanda que trae a Olaf Haraldsson I sucando as augas ata chegar a Os Castelos para conquistar estas terras, o que non será un obxectivo fácil pois a poboación castrexa opoñerá resistencia. Este espectáculo está acompañado por actuacións musicais teatralizadas a cargo de grupos como Queiman e Pousa.

Paralelamente e desde primeira hora da mañá funcionará un campamento viquingo onde se recrearán oficios e costumes da época coa colaboración de asociacións de recreación histórica da época viquinga de Galicia e do resto de España. Teares de Nalbinding, elaboración de runas nórdicas, traballos en madeira e coiro, pintacaras para guerreiros viquingos, forxa de armas e ferramentas e diferentes propostas gastronómicas, entre outras actividades, pretenden recrear o estilo de vida e o día a día dun asentamento como Os Moutillós. O público tamén pode gozar de combates, xustas e charlas explicativas sobre costumes e usos viquingos ata a caída do sol, momento no que un espectáculo de música, lume e luz poñerá o broche á celebración.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes