Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa de Galicia acolle a presentación en Madrid do clon do Pergamiño Vindel realizado por M. Moleiro

O testemuño máis valioso da lírica trovadoresca galego-portuguesa pode admirarse xunto a unha selección de obras mestras clonadas por Moleiro
Madrid, 4 de outubro de 2016.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolle un relevante evento cultural: a presentación en Madrid do clon do Pergamiño Vindel, o testemuño máis valioso da lírica trovadoresca galego-portuguesa, que contén as Cantigas de amigo de Martin Codax, realizado pola prestixiosa firma editorial M. Moleiro. Poderá admirarse desde hoxe e ata o próximo día 28 nas instalacións da Casa xunto a unha exquisita selección de máis dunha vintena de obras mestras da arte da iluminación, clonadas por Moleiro, que compoñen a mostra "Tesouros bibliográficos (s.X-XVI): a arte e o xenio ao servizo do poder".

Tanto a mostra como o Pergamiño Vindel, que forma parte dela, foron presentados hoxe aos medios de comunicación. Na presentación interviñeron o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, o presidente de M. Moleiro Editor, Manuel Moleiro Rodríguez, e a profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, coordinadora e coautora do libro de estudos do Pergamiño Vindel, quen o próximo día 10 ofrecerá na Casa a conferencia "Un enigma desvelado: o Pergamiño Vindel".

Ónega, que presentou aos intervenientes, apreciou que "hoxe é un día importante no que a cultura na súa máxima expresión está nesta Casa" e tivo palabras de eloxio para o labor que realiza Manuel Moleiro, do que dixo que "é un creador, un mago que resucita a historia, un artífice inspirado que recrea o pasado porque o pasado resucítao coa súa obra, recobrando a historia do home". Destacou así mesmo que na exposición "exhíbense clons de códices catalogados como obras mestras da historia da arte, pintados entre os séculos X e XVI polos pintores máis importantes da época para emperadores, reis e Papas", así como que a estrela desta colección "é o denominado Pergamiño Vindel, que se presenta acompañado do seu libro de estudos".

Tamén Moleiro resaltou a importancia do Pergamiño Vindel, do que dixo que "é a obra máis valiosa da lírica galego-portuguesa", foi copiado na segunda metade do século XIII e "non só contén as sete ´cantigas de amigo´ escritas polo xograr galego Martin Codax, senón que é o único testemuño conservado de ´cantigas de amigo´ con notación musical". Explicou que o seu orixinal consérvase actualmente en The Morgan Library & Museum, en Nova York, e que o achado do Pergamiño Vindel foi froito do azar: "En 1914 Pedro Vindel, libreiro-anticuario de Madrid, do cal recibe o seu nome, atopouno como parte da encadernación dun exemplar manuscrito do ´De officiis´ de Cicerón".

"A edición acompáñase dun libro de estudos, o máis exhaustivo publicado ata a data, trilingüe castelán-galego-inglés, a cargo dun equipo internacional de cinco expertos de recoñecido prestixio coordinados pola doutora Mariña Arbor Aldea, profesora de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela, e cun prefacio do profesor emérito Harvey Sharrer, da Universidade de California", expuxo, engadindo que a edición inclúe, ademais, un CD no que a soprano Speranza Cerullo canta as Cantigas de Martin Codax tal e como se compuxeron. As cancións graváronse nunha contorna inigualable, a igrexa de Pieve di San Martino, en Sesto Fiorentino, Florencia.

Pola súa banda, Arbor explicou que "o libro de estudos sobre o Pergamiño Vindel editado por M. Moleiro é o máis completo e exhaustivo, tamén desde o punto de vista científico, preparado ata a data", precisando que "desvela moitas das cuestións, que ata agora constituían unha incógnita, relativas ao bifolio que copia as Cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, datado na segunda metade do século XIII". "Por primeira vez analízase o manuscrito en todas as súas vertentes: histórica, codicológica, paleográfica e musical, ademais de editarse e estudarse filológicamente o texto das cantigas. Entre outros descubrimentos, este estudo revela que o Pergamiño Vindel formou parte dun volume encadernado máis amplo e que a súa preparación realizouse nun ´scriptorium´ rico, moi ben dotado de medios humanos e materiais. Así, sabemos que nel traballaron, ademais de polo menos un músico, dous copistas e dous rubricadores", expuxo. "No aspecto musical, detéctanse similitudes cos códices da segunda metade do século XIII que transmiten as Cantigas de Santa María e coa música medieval francesa, circunstancia que mostra a interrelación e influencia que existía entre os reinos peninsulares e europeos", engadiu sobre a obra.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes