A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro Sueño de Infancia de Moncho Rouco publicado agora en castelán por Turpin Editores

A obra orixinal, editada por Xerais o pasado ano, naceu en galego, para contar aos fillos do autor como eran as cousas na década dos sesenta e setenta
Madrid, 12 de xuño de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Sueño de infancia", de Moncho Rouco publicada agora en castelán por Turpin editores e que o pasado ano fixérao Xerais en galego. A novela, a medio camiño entre o recordo pausado dos libros de memorias e o vibrante ritmo dos relatos de aventuras naceu para contar aos fillos do autor como eran as andanzas dun neno que viviu na Galicia dos anos sesenta e setenta, nun tempo no que se anunciaba a entrada nunha era de cambios tecnolóxicos, sociais e políticos, cando o rural xa ía cedendo paso ao progresivo e rápido acomodo da vida urbana.

O coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez foi o encargado de presentar o acto, -en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega-, no que interviñeron, ademais do autor Moncho Rouco, o Dr. e profesor de Xeografía e Historia Ricardo Santos e o editor José Manuel Martín.

Jiménez lembrou nas súas palabras que o autor é natural de Ponteceso, na Costa da Morte, e que aos sete anos mudouse a Coruña coa súa familia. O libro é precisamente o relato da infancia na nova residencia. Tras vivir noutros moitos lugares da península, Moncho Rouco recalou en Tenerife, onde reside desde fai trinta anos. É Arquitecto Técnico, construtor, articulista en medios de comunicación e agora, tamén escritor.

José Manuel Martín explicou que se animou a publicar este libro porque cando o leu "foi como volver á miña propia infancia. Os mesmos xogos, que eran gratis, tamén na rúa, en plena liberdade, sen cartos pero con toda a imaxinación do mundo. Eu tamén son da xeración do Colacao, o TBO, o Capitán Trueno... e Bonanza na única televisión".

O profesor Ricardo E. Santos sinalou algúns datos biográficos de Rouco como o feito de ser "fillo de Garda Civil e dunha nai única, volcán con formas de muller e vontade de ferro, administradora e xerente da súa propia tenda de ultramarinos". A novela ofrece "as vivencias e recordos entrañables da infancia" dos 7 aos 14 anos con "un gran toque de humor, tenrura e a tenue adolescencia vivida nunha casa cuartel". Engadiu que achega "unha interesante narrativa literaria cunha mirada e memoria histórica destacada entre a fronteira da nenez daqueles tempos difíciles marcados polos xogos da rúa e a tecnoloxía da idade adulta, de emocións propias dunha historia vital dun pequeno neno tímido, e enfermizo". Tamén reflicte o rural e o urbano que estaban distanciados por anos de atraso.

Pola súa banda o autor, Moncho Rouco, que se declara "soñador a tempo completo", en palabras do seu admirado Lennon, explicou que o libro naceu para trasladar "unhas vivencias e un tempo" aos seus fillos xa maiores. "Era unha obriga que tiña con eles e comigo mesmo". Empezou aos poucos e "o texto foi tomando corpo de relato novelado e de aí ata o final só resta o transcorrer dos anos daquel neno que veu dá Costa da Morte aos arrabaldes dunha Coruña de principios dos anos sesenta". A pesar do que puidese parecer, non se trata dunha novela infantil nin xuvenil, aínda que é apta para todos os públicos. "Camiña polo fío da puberdade e a mocidade incipientes e é unha novela que ao uso daqueles tempos da televisión en branco e negro, carece de rombos, aqueles rombos que mandaban á rapazallada á cama…".

Actualmente Moncho Rouco cambiou radicalmente de xénero literario e está inmerso nunha novela de corte ecoloxista entre "espazos tempos e universos paralelos", da que xa ten o título Rodas e aclara que é o nome da praia máis bonita do mundo. "É un relato que, sen falsas pretensións, quixese alertar conciencias de sustentabilidade".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes