Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O guitarrista Samuel Diz ofreceu na Casa de Galicia un concerto homenaxe a Germán Lago, fundador da Orquesta Ibérica de Madrid

Con ocasión do 50 aniversario do falecemento do músico galego
Madrid, 16 de marzo de 2017.

O guitarrista internacional, director artístico e investigador Samuel Diz, natural de Tui (Pontevedra), ofreceu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o recital de guitarra "Homenaxe a Germán Lago, fundador e director da Orquesta Ibérica de Madrid, nos 50 anos do seu falecemento". Con el, Diz quixo achegar ao público madrileño a figura deste músico vigués, a través de explicacións e coa interpretación actualizada das partituras que protagonizaron os programas e gravacións da Orquesta Ibérica de Madrid.

En representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López, presentou ao guitarrista o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen lembrou que a Orquesta Ibérica de Madrid foi fundada por Lago en 1929 e que ata maio de 1936 "realizou continuas actuacións no Círculo de Bellas Artes, no desaparecido Teatro de Fuencarral, no Teatro de la Comedia, no Ateneo, así como foi relevante tamén a súa participación na inauguración do Palacio de la Prensa en 1930 ou en clausúraa da Exposición Nacional de Bellas Artes de 1932". Tamén detallou e enxalzou a traxectoria profesional de Samuel Diz, destacando o seu compromiso "coa recuperación e difusión do patrimonio musical galego".

Ao longo do concerto, de guitarra clásica, Diz fixo comentarios sobre o repertorio e a figura de Germán Lago, "coa finalidade de difundir de forma amena este capítulo da historia da música galega vinculada a Madrid". No repertorio interpretado houbo obras de Manuel de Falla, Adolfo Salazar, Eduardo Sainz de la Maza e Federico García Lorca, así como de José Chas e Juan José Mantecón, que eran os principais nomes galegos que soaban na crítica madrileña do momento.

Diz explicou que a Orquesta Ibérica de Madrid tivo dúas épocas claramente diferenciadas e decidiu centrar o concerto na primeira, engadindo ás obras do repertorio desta etapa as de Mantecón e Chas. De Mantecón porque tivo unha traxectoria profesional similar á de Lago en tanto que os dous eran naturais de Vigo e desenvolvéronse profesionalmente en Madrid, e de Chas, porque aínda que non tivo relación directa con Lago e a Orquesta Ibérica si realizou un proceso similar en Galicia, levando rondallas aos escenarios como orquestras de corda -ou de pulso e púa, como tamén eran coñecidas estas orquestras-, e ten máis de trescentas obras inéditas, algunhas das cales interpretou.

Orquesta Ibérica de Madrid

O Salón de Fomento de las Artes de Madrid acolleu en 1929 a presentación da Orquesta Ibérica de Madrid, agrupación de instrumentos de pulso e púa fundada e dirixida polo músico e mestre Germán Lago (Vigo, 1883 - Madrid, 1967). Ata maio de 1936 as súas actuacións foron continuas: no Círculo de Bellas Artes, no desaparecido Teatro de Fuencarral, no Teatro de la Comedia, no Ateneo, ou no Lar Gallego, así como as participacións na inauguración do Palacio de la Prensa en 1930 ou en clausúraa da Exposición Nacional de Bellas Artes de 1932.

Unha primeira época da Orquesta Ibérica de Madrid que contou coa favorable atención e crítica da prensa, os contratos discográficos coa casa Odeón, xunto ao interese de compositores como Adolfo Salazar, Joaquín Turina, Emilio Lehmberg, ou o tamén galego residente en Madrid Juan José Mantecón.

Samuel Diz

Samuel Diz (Tui 1986) se graduó baixo a dirección de Gaëlle Solal no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla. Actuou en diferentes países de Europa, América e África, destacando as súas presentacións na Universidade de Yale, o Harare International Festival of the Arts de Zimbabwe, a Fundación Juan March e o Palau da Música Catalá, onde recibiu o Premio da Crítica 'O Primeiro Palau'.

Comprometido coa recuperación e difusión do patrimonio musical galego presentou "Guitarra clásica galega", editado por Ouvirmos con apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, o seu primeiro traballo discográfico, que rescata a descoñecida identidade do instrumento en Galicia.

Seleccionado polo Instituto de la Juventud para as súas axudas á creación nova, acaba de publicar o disco "Impresións e paisaxes", que toma a Federico García Lorca como punto de encontro do popular e do erudito da Generación del 27. Despois das presentacións no Centro Generación del 27 de Málaga, na Bidebarrieta Kulturgunea de Bilbao e nas universidades de Boston e Cork, Samuel Diz participou o pasado mes de outubro no centenario da primeira visita de Lorca a Galicia, celebrado no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Diz completa o seu currículo académico con diploma de posgrao en xestión de empresas musicais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, sendo na actualidade director artístico do Festival Música no Claustro, organizado pola Catedral de Tui.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes