Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Expertos do proxecto europeo "Empattics" reuníronse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para avaliar as ofertas presentadas para o desenvolvemento das súas solucións

O proxecto é unha acción de compra pública precomercial de tecnoloxía sanitaria no que participan oito entidades de cinco países e está coordinado polo Sergas
Madrid, 9 de outubro de 2017.

Expertos de varios países do proxecto europeo "Empattics" reuníronse esta mañá na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para poñer en común as vinte e unha ofertas que recibiron para o desenvolvemento das súas solucións e acordar a puntuación que lles atribúen para comunicarllo á Mesa de Contratación do proxecto, que constitúe unha acción de compra pública precomercial de tecnoloxía sanitaria no que participan oito entidades de cinco países e está coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). O delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, dirixiuse aos participantes no encontro e interesouse polos traballos.

Á reunión acudiron: por parte de Galicia, Sergio Figueiras Gómez, Susana Fernández Nocelo, Alicia Piñeiro Redondo e Carlos Durán Suárez; por parte de Rexión de Iutlandia Central, de Dinamarca, Gitte Kjeldsen, Tine Park e Amina Lykke Haibel; por parte de Aragón, Modesto Sierra Callau e Rosana Anglés; e por parte de Île-de-France, François Dolveck.

O proxecto "Empattics" ("Capacitar aos pacientes para mellorar a información e os sistemas de comunicación", na súa sigla en inglés) é unha acción de compra pública precomercial de tecnoloxía sanitaria cofinanciada polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea construída sobre un consorcio internacional formado por oito entidades de cinco países europeos (España, Dinamarca, Francia, Reino Unido e Irlanda), na que o socio coordinador é o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS). Xunto co Servizo Galego de Saúde, actúan como socios compradores o Servizo Aragonés de Saúde e os organismos públicos de xestión sanitaria da Rexión de Jutlandia Central, en Dinamarca, e de Île-de-France, en Francia.

A través deste proxecto, as entidades compradoras buscan adquirir solucións innovadoras para dotar aos seus pacientes crónicos coas ferramentas tecnolóxicas desenvolvidas polas entidades adxudicatarias co obxectivo de axudarlles a xestionar mellor as súas enfermidades e aumentar a súa taxa de adherencia aos tratamentos e recomendacións médicas prescritos. Así se logrará unha maior calidade de vida e a redución das consultas médicas e hospitalizacións, do que resultarán considerables aforros en gasto sanitario para o sistema público de saúde.

Como procedemento de compra pública precomercial, o proxecto "Empattics" estrutúrase en tres fases competitivas de cinco, nove e nove meses de duración respectivamente, dedicadas ao deseño da solución, ao desenvolvemento do prototipo e ao desenvolvemento orixinal e testeo dun volume limitado de prototipos nos pacientes seleccionados das catro rexións compradoras.

Tras recibir a aprobación dos expertos da Comisión Europea, o prego de condicións para a licitación da primeira fase foi publicado a principios de xullo deste ano, dispoñendo os posibles licitadores dun prazo de dous meses para presentar as súas ofertas. Recibíronse 21 ofertas das que, segundo o prego de licitación, seleccionaranse polo menos as seis mellores para que desenvolvan as súas solucións.

Para a avaliación das ofertas técnicas presentadas creouse en cada rexión compradora un Comité Rexional de Expertos composto por persoal clínico, expertos en TIC, expertos en innovación e pacientes. Representantes deses catro Comités Rexionais de Expertos son os que protagonizaron a reunión na Delegación da Xunta, constituídos na denominada Xunta de Avaliación dos Compradores, para poñer en común os informes das catro rexións e chegar a unha decisión sobre a puntuación atribuída a cada un dos licitadores, para os efectos de elaborar un informe común e comunicarllo á Mesa de Contratación "Empattics".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes