A Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta mañá a reunión arrinque da segunda edición do proxecto Novedar_Consolider da Escola de Enxeñería da Universidade de Santiago

É unha investigación continua, iniciada fai cinco anos, que xa logrou unha decena de patentes en explotación por empresas de España, Europa e EE.UU.
Madrid, 15 de xuño de 2017

"Seguimos traballando e investigando, e hoxe iniciamos a segunda edición do proxecto", dixo o catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago e coordinador do a RedNovedar, Juan M. Lema e engadiu que "o obxectivo final segue sendo desenvolver e implementar tecnoloxías innovadoras para o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais e lodos". Para a Dra. en Enxeñería Química e xestora de RedNovedar, a tamén galega Sonia Suárez, é unha investigación continua, que se iniciou fai cinco anos, e entre os seus logros está o que xa haxa unha decena de patentes en explotación por empresas de España, Europa e EE.UU. que as están aplicando, con excelentes resultados".

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega saudou aos integrantes do equipo e mostrou a súa admiración polos logros que están a conseguir. "Estamos orgullosos do seu traballo que é necesario e beneficioso para todos. Así que encantados de que se reúnan vostedes na nosa Casa, que é a súa e aquí sempre van ser benvidos". Pola súa banda, Juan M. Lema, en nome de todos os asistentes agradeceu "as facilidades prestadas así como o trato que sempre recibimos e que nos fai sentirnos, como ben di, como se fora a nosa propia casa".

O proxecto Novedar_Consolider intégrao un equipo interdisciplinario formado por enxeñeiros ambientais, microbiólogos, toxicólogos e economistas, que afrontaron o obxectivo de desenvolver e implementar tecnoloxías innovadoras para o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais e lodos das Estacións Depuradoras de Augas Residuais (EDAR), desde unha perspectiva holística, de forma global, tendo en conta todos os aspectos de maneira global. Desenvolvéronse novas tecnoloxías e estratexias de tratamento e control cuxo obxectivo era non só optimizar os  aspectos tecnolóxicos, senón tratar de garantir a súa viabilidade económica e ambiental aplicando ferramentas desenvolvidas especificamente para este fin. Os datos tecnolóxicos, ambientais, ecotoxicolóxicos e económicos dos diferentes procesos englobáronse nun Sistema de Axuda á toma de Decisións (EDSS), que permite identificar en base a unha análise integral das EDAR melloras/solucións tecnolóxicas para os escenarios específicos que se contemplen en cada caso.

A colaboración deste grupo de expertos seguiuse promovendo desde a finalización do proxecto Consolider en decembro de 2013, a través da súa organización como rede de excelencia RedNovedar, cuxo obxectivo fundamental é seguir traballando na valorización dos resultados máis innovadores aproveitando de forma sinérxica as capacidades dos grupos integrantes.

Esta mañá celebrouse na Casa de Galicia a reunión de arranque para a segunda edición da devandita rede, co fin de definir o plan de actividades para os próximos dous anos. Participaron todos os investigadores responsables das 11 institucións socias de RedNovedar, incluíndo as Universidades de Barcelona (UB), Cádiz (UCA), Cantabria (UC), Xirona (UdG), Murcia (UM), Santiago de Compostela (USC), Valencia (UV), Valladolid (Uva); o CEIT de Gipuzkoa e dúas Universidades de referencia en Holanda (Delft (TUD) e Wageningen (WUR)).

A primeira edición abarcou numerosos aspectos, entre eles as actividades de formación e difusión dirixidas tanto ao sector académico como ao industrial. Hai varias empresas a nivel nacional que están a implementar estas tecnoloxías nos seus propios procesos, nalgúns dos cales conseguiron reducir nun 20% a enerxía empregada. Outras lograron recuperar un 30% máis de enerxía, e tamén outros recursos por exemplo fertilizantes (hidróxeno e fósforo) e lograr auga de calidade para a súa reutilización agrícola e industrial.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes