A novela "El émulo de Reginald Perrin" de Marcelino Fernández Mallo presentouse esta tarde na Casa de Galicia

É a segunda obra en castelán do escritor e economista coruñés na que relata o ascenso e caída do protagonista, un home no poder e aparentemente invulnerable
Madrid, 28 de novembro de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación da novela "El émulo de Reginald Perrin", de Marcelino Fernández Mallo, publicada pola Editorial Dauro, segunda obra en castelán do escritor e economista coruñés, (publicou tres en galego), narrada a modo de diario, na que relata o ascenso e caída de Camilo, un home no poder e que tanto pola súa situación como pola súa contorna parecía invulnerable.

A presentación do acto realizouna o coordinador de Activides Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega. Interviñeron ademais do autor Marcelino Fernández Mallo; o director do departamento de Xestión Editorial José Miguel Montalbán; o coach e escritor François Pérez Ayrault; e a profesora titular de Filoloxía Románica da Universidade Complutense Carmen Mejía Ruiz.

Para Jiménez, Marcelino atopou a inspiración, como empresario que é, no propio mundo profesional en que se move, "tan dado a etiquetarse con nomes propios de depredadores de marca tiburóns ou falcóns". Tamén se aventurou a expoñer a súa propia tese. "Atreveríame a dicir que El émulo de Reginald Perrin é unha obra que trata da soberbia, o peor dos pecados, e do pano de fondo da inseguridade sobre o que se proxecta. Como dixo Teilhard de Chardin: Nunca te teñas por seguro nesta vida". Para José Miguel Montalbán "esta é unha novela profunda e enternecedoramente humana". Como editor non dubidou nin un momento en apostar pola obra. Habitualmente bástalle con ler uns parágrafos para decidir pero con esta quería saber máis e atrapouno ata o final.

François Pérez Ayrault explicou que El émulo de Reginald Perrin "é a perturbadora historia dun home feito a si mesmo. Dun home que fixo do éxito o seu propósito de vida". O protagonista autoretratase no seu diario dunha forma moi gráfica: "Son un industrial e un home de negocios. A miña especialidade é o éxito". Segundo Ayrault, "os personaxes teñen unha complexidade tan notoria, que fai imposible non sentirse identificado cun, dous, quince ou setenta comportamentos ou condutas que observamos en eles", e engadiu que ler O émulo de Reginald Perrin, "é unha magnífica oportunidade para lerse a un mesmo, e comprenderse, máis aló das aparencias".Para Carmen Mejía, falar desta novela de Marcelino Fernández Mallo non é tarefa sinxela. A novela "abre moitas xanelas pechadas e explora camiños sinuosos difíciles de chegar a eles. O lector atópase diante do poder, o de Camilo, o do mundo empresarial, que non admite debilidades humanas nin fracasos". Pero ademais, Mejía incidiu en que o autor "aborda un dos grandes temas actuais, o da perda de memoria, que lle leva por consello médico a escribir ese diario que sorprende ao lector polo desgarrador do mesmo". Crueza e frialdade serán a tónica xeral deste relato, que esconde a outra faceta de Camilo. A través doutro dos personaxes, Inés "descubriremos as debilidades, os medos e os fracasos do home poderoso e inalcanzable". Desta maneira o lector enfróntase a universos contrapostos que delatan o imprevisible da vida. É por tanto "unha novela chea de incógnitas que o lector debe afrontar e debater. De aí o interese pola súa lectura".

Pola súa banda o autor sinalou que el mesmo foi testemuña dunha sociedade como a que reflicte o seu libro. "Vin como uns cuantos executivos embobaban a toda unha sociedade. Vin como unhas persoas sen méritos relevantes, simplemente por unha confluencia de circunstancias, empolicábanse a unhas posicións desde as que gobernaron, coa nosa anuencia, boa parte da dinámica social. ¿Que circunstancias eran esas? Aquelas que conformaron a gran burbulla na cal ata o peor mastuerzo pasaba por ilustrado". Para Fernández Mallo, grazas á literatura "somos capaces de proxectarnos máis aló dunha fachada, podemos superar a visión aparente e superficial que normalmente compramos da realidade". Por iso, El émulo de Reginald Perrin "trata de indagar no que se esconde detrás das caras presuntuosas e autosuficientes que normalmente portan os líderes". O escritor explicou ademais que Camilo López padece a enfermidade de Pick, unha doenza mental pouco frecuente. De feito, é a desculpa para que o paciente escriba o diario, como terapia prescrita polo médico, un elemento crave que condiciona a estrutura da novela e a propia redacción. Engadiu ademais que cando Camilo finaliza o seu relato, "o lector non sabe que conclusións adoptar". Salvando o carácter déspota do protagonista, o resto son dúbidas. O lector é consciente da carreira exitosa e do recoñecemento social, pero descoñece os motivos que hai detrás dese malestar permanente que transmite. En relación ao grupo empresarial, tamén necesita saber que está a pasar. É agora cando aparece Inés, irmá de Camilo, "coa lanterna, para alumar as múltiples zonas de sombra".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes