Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 11 - 20 de 708 resultados.

A película "El Vientre de Europa" de Juan Pinzás presentouse esta mañá en Madrid, na Delegación da Xunta

1. Presentación oficial en Madrid de EL VIENTRE DE EUROPA, de esquerda a dereita, o director Juan Pinzás, o coordinador de Actos Ramón Jiménez e a produtora Pilar Sueiro.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación/rolda de prensa con motivo da estrea da longametraxe de Atlántico Films, "EL VIENTRE DE EUROPA" do cineasta galego Juan Pinzás, unha suxestiva e persoal película de cinema de autor realizada ao longo de case dous anos de traballo e rodada en Madrid e Berlín. A estrea será o día 17 de novembro, en cinemas de diferentes cidades de toda España (tamén nas galegas de Vigo, A Coruña, Santiago e Lugo). Pinzás desvelou o decálogo que utilizou para rodar esta película e que ten previsto aplicar ás próximas da triloxía.

"Incógnitas", esculturas da artista Paz Santos, na Delegación da Xunta ata o día 30 de novembro

1. Paz Santos cunha das súas obras da mostra INCÓGNITAS.

Desde esta tarde e ata o día 30, a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerá a mostra de escultura "INCÓGNITAS", de Paz Santos Santiago, soriana aínda que moi vinculada con Galicia, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, e cuxas  pezas, rotundas e á vez lixeiras, impactan no observador.

"Os habitantes de Gaia", infografías e videoanimacións de Loreto Blanco Salgueiro, na Casa de Galicia ata o día 30 de este mes

1. A artista pontevedresa Loreto Blanco ante unha das obras da mostra OS HABITANTES DE GAIA que ofrece na Casa de Galicia en Madrid.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a inauguración da mostra de infografías e videoanimacións "OS HABITANTES DE GAIA", da artista pontevedresa Loreto Blanco Salgueiro, doutora en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e na actualidade profesora na Universidade de Vigo. As súas obras constitúen documentos visuais para o estudo das relacións entre a natureza, o ser humano e o seu interior psíquico, do que non hai mapas nin instrucións.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia celebrou o Filandón de Magosto "Aromas, contos e saudade", a cargo do grupo de narradores "Sueños de Dragón"

Os narradores que interviñeron no filandón, co coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, en colaboración coa Asociación de Animación á Lectura "Amigos de El Dragón Lector", celebrou hoxe o Filandón de Magosto "Aromas, contos e saudade", que estivo a cargo do experimentado grupo de narradores "Sueños de Dragón" que realizou unha contada de contos galegos especificamente deseñada para a ocasión e baseada en lendas tradicionais e historias de Galicia. Antes de comezar, tiveron un cariñoso recordo para Galicia, tras evocar a angustia vivida cos últimos incendios.

A profesora María do Pilar García Negro presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa)"

A profesora Carme Fdez. Pérez-Sanjulián, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e a profesora e escritora Pilar García Negro.

A Fundación Galiza Sempre presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia  o libro "Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa)", da profesora lucense da Universidade da Coruña e exdiputada no Parlamento de Galicia María do Pilar García Negro. Nel, García Negro defende que o Himno volva á literalidad do texto orixinal de Eduardo Pondal e explica os avatares que tivo unha proposta parlamentaria súa nese sentido.

A Fundación Barrié, en colaboración con SocialCo, celebrou na Delegación da Xunta de Galicia/Casa de Galicia el "Taller de intercambio de experiencias en marca de valor asociativa e comunicación interna"

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, coas directivas da Fundación Barrié Isabel Pérez (D) e de SocialCo, Virginia Moraleda, (2ª I) e Ana Rodríguez, coordinadora de Actividades Económicas da Casa.

A Fundación Barrié, en colaboración con SocialCo, celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o "Taller de Intercambio de Experiencias en Marca de Valor Asociativa e Comunicación Interna", vinculado ao desenvolvemento da consultoría, que reuniu a representantes de oito organizacións nacionais e internacionais, aos que o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, deu a benvida ás súas instalacións e desexou un frutífero traballo.

O xornalista coruñés Víctor López presenta na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "El día que nos robaron el mando. Conversaciones sobre la crisis del periodismo en televisión"

O xornalista Diego Carcedo, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e o xornalista e autor do libro Víctor López.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro "El día que nos robaron el mando. Conversaciones sobre la crisis del periodismo en televisión", do xornalista coruñés Víctor López, publicado por Ediciones Internacionales Universitarias. A través de once entrevistas a xornalistas como Diego Carcedo, Vicente Romero, Rosa María Calaf, Nieves Herrero e Alfonso Rojo, o autor da obra expón nela a influencia da televisión na opinión do espectador e a parte de responsabilidade que teñen os empresarios, os traballadores audiovisuais e os cidadáns no consumo de televisión. Na presentación interviñeron, ademais do autor, o veterano xornalista Diego Carcedo e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Enrique Paz Escudero: "Alfredo Kraus quería moito a Galicia"

1. O conferenciante e tenor Enrique Paz xunto co coordinador de Actividades Culturais Ramón Jiménez.

"Alfredo Kraus, coñeceu Galicia sendo un adolescente porque estivo de campamentos xuvenís en Gandarío -Sada-A Coruña- e xa desde entón namorouse da nosa terra", dixo Enrique Paz Escudero, tenor coruñés, primeiro alumno e amigo persoal do internacional cantante, no relatorio "Alfredo Kraus: o artista, o mestre, o amigo e a súa relación con Galicia", que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Paz Escudero, que tivo a oportunidade de acompañar a Kraus durante tres anos por diversas cidades de Italia, Inglaterra, Portugal e España, falou tanto dos aspectos máis relevantes da longa traxectoria profesional, como da persoal e tamén da relación de Kraus con Galicia, á que quería moito, -debutou na Coruña en 1960-, ofreceu os primeiros concertos e logo actuou en numerosas ocasións e ademais a visitou moitas veces.

Aegama e a Fundación Ciudad presentan na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o próximo encontro do Foro Iberoamericano de Ciudades

Momento da presentación no que intervén o presidente de Aegama, Julio Lage.

A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), que preside Julio Lage, e a Fundación Ciudad do Foro Iberoamericano de Ciudades, que preside Tomás Vera, celebraron hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia un almorzo informativo sobre o próximo encontro do Foro Iberoamericano de Ciudades, que ten programado celebrarse en Ecuador, na cidade de Ambato os días 10, 11 e 12 de novembro, aínda que se apuntou a posibilidade dalgún atraso por axustes na axenda do presidente de Ecuador.

Expertos do proxecto europeo "Empattics" reuníronse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para avaliar as ofertas presentadas para o desenvolvemento das súas solucións

O delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, dirixiuse aos participantes na reunión.

Expertos de varios países do proxecto europeo "Empattics" reuníronse esta mañá na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para poñer en común as vinte e unha ofertas que recibiron para o desenvolvemento das súas solucións e acordar a puntuación que lles atribúen para comunicarllo á Mesa de Contratación do proxecto, que constitúe unha acción de compra pública precomercial de tecnoloxía sanitaria no que participan oito entidades de cinco países e está coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). O delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, dirixiuse aos participantes no encontro e interesouse polos traballos.

Mostrando o intervalo 11 - 20 de 708 resultados.