Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 1 - 10 de 653 resultados.

A Delegación da Xunta en Madrid acolleu hoxe a presentación do documental "Contando a Carlos Casares" de Gonzalo E. Veloso

1. Melodi Parga, documentalista do audiovisual e Ramón Jiménez, coordinador de Actividades da Casa, pousan ante os paneis informativos sobre Casares que se expoñen estas semanas.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a proxección do documental de Gonzalo E. Veloso, "CONTANDO A CARLOS CASARES", parte do cal se gravou na nosa institución e que tamén hoxe se presentou en Ourense, polo que o director non pudo viaxar a Madrid. O acto enmárcase dentro da celebración do Día das Letras Galegas, xunto co concerto "A cantiga lírica galega" da soprano María Rodríguez, acompañada ao piano por Juan Durán que a Casa programou para o propio día 17 de maio.

A proxección estivo seguida dun coloquio no que interveu a historiadora e documentalista do audiovisual, Melodi Parga Otero. A presentación correu a cargo do Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.

Ficción Producciones presenta na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a serie de animación Tutu

Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE; Jacobo Sutil, director de Agadic; José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia; Rosa Vilas, directora xerente de TVG; Julio Casal, produtor executivo de Ficción Producciones; Guillem Rey, "managing" director de Biplano Licensing; e Mamen Quintas, produtora executiva de Ficción Producciones.

A empresa galega Ficción Producciones presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia Tutu, primeira serie galega de animación en 3D que estreará a canle infantil Clan de RTVE. Os seus episodios, que comezarán a emitirse desde o 29 de maio, poderán verse tamén na súa versión en galego en TVG. Ambas as cadeas e mais o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) coproducen esta serie xunto con Ficción, que contou ademais co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de subvencións de 2016 á produción e coprodución audiovisual.

Aegama, S4 Consultoría Legal e Viñal & Co. Abogados organizaron na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a xornada "A responsabilidade legal da miña empresa, como evitala?"

Diego Viñal (Viñal &C. Abogados), José Cerdeira (Aegama) e María Jamargo (S4 Consultoría Legal).

A Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) e S4 Consultoría Legal, en colaboración con Viñal & Co. Abogados, organizaron hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a xornada "A responsabilidade legal da miña empresa, como evitala?", orientada a economistas, avogados e empresarios, na que se abordaron os novos riscos legais e responsabilidades penais aos que se enfrontan as empresas tras as últimas reformas lexislativas.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas co concerto "A cantiga lírica galega"

O músico Juan Durán, a soprano María Rodríguez, o presidente del Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia sumouse hoxe ás actividades que están a ter lugar con ocasión do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares, coa celebración do concerto "A cantiga lírica galega", interpretado pola soprano María Rodríguez, acompañada ao piano polo músico Juan Durán. Co obxectivo de "mostrar e presentar a beleza e calidade dos poetas e composicións galegas", o recital compuxérono dez cancións galegas, tanto de compositores galegos como de compositores españois que escribiron música a partir de textos galegos, todos de gran recoñecemento -Mompou, Antón García Abril, Moreno Buendía, Baldomir, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Margarita Viso, Juan Durán, etc.-.

Galicia e o Estado mexicano de Guanajuato acordan colaborar no ámbito turístico

1. De esquerda a dereita Fernando Olivera Rocha, secretario de Turismo do Estado de Guanajuato; a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, e José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario de Turismo del Estado mexicano de Guanajuato, Fernando Olivera, asinaron hoxe, na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, un memorándum de entendemento no que se establece a folla de ruta para colaborar no ámbito turístico e fortalecer así as accións encamiñadas a súa promoción. Acompañoulles no acto da firma o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, que lles dió a benvida ás instalacións da Casa e desexoulles éxito na iniciativa.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a conferencia "Perversións actuais do proceso penal" polo catedrático coruñés Gonzalo Rodríguez Mourullo

1. De esquerda a dereita, o relator Gonzalo Rodríguez Mourullo; o presidente do Consello de Estado J. Manuel Romay; o delegado da Xunta en Madrid J. Ramón Ónega e o presidente de IURISGAMA Carlos Lema.

Tanto o Tribunal Supremo como o Tribunal Constitucional estableceron, ao mesmo tempo, unha doutrina xurisprudencial impecable, pero que na práctica sofre certas desviacións", dixo o catedrático coruñés de Dereito Penal, Gonzalo Rodríguez Mourullo na conferencia "Perversións actuais do proceso penal" que pronunciou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. O relatorio, cuxo peche foi realizado hoxe polo presidente do Consello de Estado, José Manuel romay Beccaría, está enmarcada dentro do ciclo "Temas Xurídicos de Actualidade", organizado pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA) que preside o profesor Carlos Lema Devesa.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación de máis de cen referencias de Augardentes e Licores Tradicionais

1. De esquerda a dereita, a enóloga Sonia Otero; a coordinadora de Actividades Económicas Ana R. Barrena; o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo e o barman Ángel Camiña.

Case un centenar de persoas de medios e profesionais de gastronomía acudiron esta tarde á Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia á presentación dos Augardentes e Licores Tradicionais do Consello Regulador. O acto incluíu unha sesión de coctelería en directo así como unha cata comentada e un Túnel no que se mostraron e ofreceron durante toda a tarde máis dun centenar de etiquetas dos produtos amparados das catro Indicacións Xeográficas (IXs): Augardente de Galicia, Augardente de Herbas de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia. Cabe lembrar que Galicia é a única comunidade autónoma de España que conta cunha Indicación Xeográfica (IX) específica para o augardente, o Orujo de Galicia.

A exposición de pintura "Victoria Gándara" reúne na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia obras figurativas con tendencia á abstracción

Victoria Gándara ante unha das súas obras.

A Delegación da Xunta de Galicia/Casa de Galicia en Madrid alberga este mes a exposición de pintura Victoria Gándara que, co nome da súa autora, artista zaragozana de ascendencia galega, reúne en dúas salas da Casa obras de pintura figurativa con tendencia á abstracción. Segundo a artista, nestas obras, realizadas cunha técnica mixta onde predomina a colaxe, "a realidade é unha desculpa para compoñer e crear, xogando coa cor e as texturas".

Asomega falla o Premio Nóvoa Santos 2016 a favor do endocrinólogo Bartolomé Burguera González

Reunión da Xunta Directiva de Asomega.

A Xunta Directiva da Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega) acordou esta tarde nunha reunión que celebrou nas instalacións da Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia conceder o Premio Nóvoa Santos 2016 ao doutor Bartolomé Burguera González. Previamente ás súas deliberacións, foron recibidos polo delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, quen lles desexo un frutífero traballo.

Santalices subliña na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o "papel insubstituíble de los parlamentos" na sociedade actual

O presidente de Asomega, Julio Ancochea, o presidente de PSN, Miguel Carrero, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices e o delegado da Xunta/director da Casa de Galicia,José Ramón Ónega.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, destacou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia/Casa de Galicia en Madrid o "papel insubstituíble dos Parlamentos" na sociedade actual, a pesar dos avances rexistrados coas novas ferramentas de comunicación. Fíxoo na conferencia "Parlamento de Galicia, Medicamento e Sociedade", que pronunciou dentro do ciclo "Medicamento e Humanidades", organizado pola Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega) e Previsión Sanitaria Nacional (PSN). Interviñeron no acto, ademais do relator, o presidente de Asomega, doutor Julio Ancoechea, o presidente de Prevención Sanitaria Nacional (PSN), Miguel Carrero, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Entre os asistentes achábanse os deputados Pilar Rojo e Miguel Ángel Viso e numerosos directivos das entidades organizadoras.

Mostrando o intervalo 1 - 10 de 653 resultados.