Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Recital de guitarra e voz "CANTARES", polo cantautor orensán Emilio Rúa

Data 21/06/2017 19:30

Emilio Rúa, cantautor galego con máis de trinta anos de traxectoria musical, interpretará temas procedentes de "Cantares, poesía galega", o seu último traballo discográfico, que acaba de gañar o premio a Mellor álbum en galego nos Premios Min da Música Independiente.

O recital é unha homenaxe á poesía clásica, poemas de ilustres das letras galegas como Álvaro Cunqueiro, Curros Enríquez ou Rosalía de Castro, pero que tamén recolle poemas de autores de hoxe, como Manuel Rivas. 

Poemas vitais dentro da cultura galega están incluídos no disco como "Negra sombra", "Lela", "Unha noite na eira do trigo", ou María Soliña". Unha posta en escena sinxela de guitarra e voz representa a este disco dunha forma intimista pero chea de enerxía, na que se revitaliza de novo a poesía clásica galega e actual. Un contido poético-musical de alto interese cultural.

Emilio Rúa leva trinta anos no mundo da música. Comezou na orquestra familiar Concorde Atenea formada polo seu pai e os seus catro irmáns maiores, con sete anos de idade.

Foi no ano 2000 cando publica o seu primeiro traballo discográfico homónimo con temas inéditos (Edicións do Cumio 2000). Logo chegarían "Vida Miña" (Boamusic 2006) e "Interior" (Paimúsica 2009), ao que engadiría un libro-disco co escritor e poeta Xosé Carlos Caneiro (Galaxia 2010). Sen esquecer os dous premios nacionais de canción de autor de Ceutí e Elxe, cantando sempre en galego.

En 2012 edita o seu quinto traballo titulado "Destino Sur", producido por Emilio Rúa e Segundo Grandío no que o son camiña cara ao folk americano co que o autor ve unha ligazón coa música galega. Pero sempre co estilo persoal e característico que o representa en cada un dos seus traballos. En 2016 edita su disco "Querida alegría" con cancións inéditas, versións doutros discos e revisións de temas populares.

Emilio Rúa é un "músico de raza" que na súa carreira contou coa colaboración de destacados intérpretes como Budiño; Guadi Galego e Quim Farinha, de Berrogüetto; Marcos Teira, de Marful; ou Carlos Castro, Lucía Pérez, Uxía e Kepa Junquera, entre outros artistas invitados. E compartiu escena en diferentes festivais con Fito y los Fitipaldis, Rosendo, Carlos Núñez, Dover, Budiño, Pedro Guerra, Ismael Serrano, Uxía Pedreira, Luz Casal, Luís Tosar, Cómplices...



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Contraportada do disco