Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Conferencia "Parlamento de Galicia, Medicina e Sociedade", polo Exmo. Sr. D. Miguel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia

Data 27/04/2017 19:30

Esta conferencia forma parte do Ciclo "MEDICINA E HUMANIDADES", organizado pola Asociación de Médicos Gallegos (ASOMEGA) xunto coa Previsión Sanitaria Nacional (PSN).

Dirixe e coordina o Ciclo o Dr. D. Julio Ancochea Bermúdez, presidente da Asociación de Médicos Gallegos en Madrid (ASOMEGA).

O ciclo de  conferencia "Medicina e Humanidades", que consta dun total de seis relatorios, nace como foro de pensamento e debate e reunirá periodicamente a profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da Medicina que se darán cita tanto na Casa de Galicia en Madrid como na nova sede central de PSN.

O obxectivo deste ciclo é poñer de manifesto a necesaria unión entre a disciplina científica médica e a humanística para un óptimo desenvolvemento da Medicina en beneficio da sociedade.

Miguel Ángel Santalices Vieira, nacido en Bande (Ourense) o 17 de marzo de 1955, é médico e é o actual presidente do Parlamento de Galicia.

Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, máster en Alta Dirección, Xestión e Administración Sanitaria pola Escola d'Alta Direcció i Administració de Cataluña (EADA), diplomado en Dirección Hospitalaria e en Sanidade e máster en Saúde Pública. Diploma de directivo da Xunta de Galicia.

É funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de Saúde Pública e Administración Sanitaria. Foi director dos ambulatorios de Vigo, director do Hospital Psiquiátrico de Toén, director do Hospital Xeral de Vigo e director do Hospital de Ourense. Foi tamén profesor colaborador da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense.

É membro do Comité Executivo Provincial do Partido Popular de Ourense e secretario executivo de Servizos Sociais; é deputado no Parlamento de Galicia desde a V lexislatura. Foi vicepresidente da Cámara  na V e VIII lexislaturas -en substitución de Celso Delgado Arce e José Manuel Baltar Blanco, respectivamente-, portavoz de Sanidade na VI e VII lexislaturas e portavoz suplente na V, ademais de vogal e presidente de diversas comisións; vicepresidente do Parlamento de Galicia e portavoz de Sanidade do Grupo Popular na IX Lexislatura ata a súa elección como presidente do Parlamento de Galicia, o 26 de xaneiro de 2016. Substituíu na Presidencia da Cámara a Pilar Rojo Noguera.

Foi reelixido presidente do Parlamento de Galicia na Sesión Constitutiva da X Lexislatura, celebrada o día 21 de outubro de 2016.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes