Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "Cervantes e O Quixote. A invención do humorismo", de SIRO LÓPEZ LORENZO, publicado pola Xunta de Galicia a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Data 26/04/2017 19:30

O acto contará coa participación do autor e do director da Real Academia Española, Darío Villanueva Prieto.

O volume XXXVI da colección Cadernos Ramón Piñeiro é un ensaio no que o humorista gráfico e caricaturista ferrolán, Siro, analiza a aparición do humorismo na literatura universal coa obra "O Quixote", de Cervantes. Este libro constitúe a máis destacada e rigorosa investigación sobre o humorismo cervantino, e proporciona valiosas análises á mantenta doutras figuras do humanismo galego e universal.

Neste novo Caderno Ramón Piñeiro, o humorista gráfico, caricaturista e ensaísta ferrolán presenta "O Quixote" como a primeira obra humorística da literatura universal. Trátase do primeiro estudo no que se explica por que Cervantes crea o humorismo na literatura, un tema que non fora abordado en profundidade ata agora. Para explicar como Cervantes crea o humorismo, o autor parte da tese apuntada por Celestino Fernández de la Vega, que explica a través dunha fonda análise sobre a biografía do autor e sobre a sociedade da época nun ensaio estruturado en 12 capítulos.

O volume, que se abre cunha ilustración de cuberta do propio autor, comeza cun amplo prólogo do ensaísta e catedrático de Filosofía Ramón López Vázquez, quen pon de relevo a importancia do labor levado a cabo por Siro López, o contextualiza no conxunto da súa escritura e destaca as súas principais achegas.

No capítulo titulado "Humor e humanismo no Quixote", Siro López analiza o tránsito de Don Quixote e Sancho desde a comicidade ao humorismo e como este último caracteriza tamén o cura e o barbeiro, Sansón Carrasco, Tomé Cecial e outros personaxes da obra. Así mesmo, descóbrese o que nesta hai de humor absurdo, de humor negro e de fantasía humorística, conectándoos coa crítica social, o lirismo, a risa e a violencia.

A obra finaliza cunha nutrida sección de bibliografía consultada e un pormenorizado índice onomástico, que facilitan a consulta do ensaio á vez que o completan.

Autor dunha dilatada obra que o levou a pescudar a presenza e sentido do humorismo en autores como Castelao, Xosé María Cao Luaces, Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro, Siro López Lorenzo "Siro" (Ferrol, 1943) finalizou este traballo sobre o humor na obra de Cervantes no final do pasado ano 2016, coincidindo co cuadricentenario da morte do xenial escritor. Con anterioridade, cadrando cos catrocentos anos da aparición da primeira parte do Quixote, publicou "Sobre el humor de Cervantes en el Quijote" (2005), tamén nos Cadernos Ramón Piñeiro.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro