Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro-disco "A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó", de Rafael Carracedo Crespo, publicado por Edicións Émbora

Data 15/02/2018 19:30

A publicación recupera a tradición desta frauta travesera, a requinta, que tradicionalmente acompañaba á gaita, característica do Val do Ulla. Neste libro-disco recóllese toda a música orixinal deste instrumento que apenas se emprega desde os anos 80.

Edicións Embora publica este libro con apoio da Xunta a través da Secretaría Xeral de Cultura.

A obra "A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó" inclúe partituras, planos e fotografías antigas, ademais dun cedé con pezas interpretadas con este instrumento tradicional típico do Val do Ulla. Aínda que existen traballos previos nos que se recupera a súa memoria, o músico Rafael Carracedo recolle por primeira vez un cancioneiro coas melodías que interpretaban os antigos requinteiros. Dous dos últimos, Pepe de Nade e Marcelino de Muiñeiro, que aínda están en activo, colaboraron co autor na elaboración deste traballo.

Rafael Carracedo, na actualidade trompetista da Garda Real e herdeiro dunha longa tradición familiar de músicos, acometeu a tarefa de estudar, transcribir e transmitir este patrimonio cultural inmaterial a piques de desaparecer, xa que hai décadas apenas se emprega a requinta polas formacións de música tradicional galega.

Máis de oitenta partituras transcritas forman parte do libro, un estudo que tamén reflicte a historia dos inicios e desenvolvemento desta frauta tradicional orixinaria do Val do Ulla, así como a do taller García Riobó da Estrada, o máis antigo de Galicia e aínda en funcionamento.

No disco que acompaña á obra escrita colaboran músicos como Daniel Bellón, Xurxo Fernándes e Diego Maceiras. Inclúe exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons de vellas gaitas, requintas e percusións. Búscase restablecer a importancia deste instrumento na música e a vida do Val do Ulla.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Este libro recupera a tradición desta frauta travesera, a requinta, que tradicionalmente acompañaba á gaita, característica do Val do Ulla.