Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Conferencia "Alfredo Kraus: o artista, o mestre, o amigo e a súa relación con Galicia", por ENRIQUE PAZ ESCUDERO, tenor e primeiro alumno do célebre tenor grancanario Alfredo Kraus

Data 17/10/2017 19:30

O tenor coruñés Enrique Paz Escudero pronunciará unha conferencia que versará sobre o seu gran mestre Alfredo Kraus, gran figura mundial do bel canto, ao que lle unía unha profunda amizade.

O tenor e mestre, que posúe un profundo coñecemento sobre a vida persoal e a traxectoria profesional de Alfredo Kraus, relatará pasaxes da súa existencia e actuacións moi pouco coñecidos, ou practicamente inéditos polo menos para o gran público. 

Naceu na Coruña, o 18 de setembro de 1949. Desde moi neno sentiuse atraído polo canto lírico, e escoitaba na súa casa antigas gravacións do tenor Miguel Freta, así como a zarzuela  "Katiuska", pola soprano Pilar Lorengar e o tenor Alfredo Kraus.

No ano 1967 entrou a formar parte, como tenor solista, da Coral Polifónica "El Eco", a máis antiga da Península Ibérica. A dita coral interviña todos os anos na tempada de ópera da Coruña, co cal  puido compartir escenario con cantantes da talla de Pedro Lavirgen, José Carreras,  Ángeles Gulín, Giuseppe Taddei, e Alfredo Kraus, entre outros.

Decidido  a estudar canto, en 1970 desprázase a Milán, para ser escoitado pola soada soprano española   Elvira de Hidalgo, quen á súa vez, fora mestra da gran María Calas.

Volto a España, por medio dun amigo común, ten a oportunidade de ser escoitado en audición privada, por Alfredo Kraus, quen de maneira absolutamente desinteresada, ofrécese a ensinarlle técnica vocal.

Bolseiro pola Deputación Provincial da Coruña, e pola Fundación Pedro Barrié, ten a oportunidade de acompañar a Kraus durante tres anos, por diversas cidades de Italia, Londres, Lisboa e España, para continuar os seus estudos con el, e ao mesmo tempo familiarizarse co idioma italiano, e o ambiente do teatro. Realizou concertos en diversas cidades españolas, así como actuacións en RNE e na TVG   (Televisión   de Galicia).

Como mestre de canto, formou a actuais profesores da devandita materia, que hoxe en día imparten as súas clases en diversos conservatorios de Galicia.

Actualmente dedica o seu tempo a dar conferencias e clases maxistrais por toda España.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Enrique Paz Escudero, tenor e alumno de Alfredo Kraus