Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "HIMNO GALEGO: UNHA HISTORIA PARLAMENTAR (INCONCLUSA)", de Pilar García Negro, editado pola Fundación Galiza Sempre

Data 25/10/2017 19:30

Pilar García Negro acaba de publicar un libro co fin de apoiar a súa loita durante anos para devolver o himno galego á textualidade dos versos de Eduardo Pondal.

A escritora e profesora da Universidade da Coruña, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, acompañará á autora no acto de presentación do libro.

O himno de Galicia -estreado na Habana (Cuba) en 1907- foi aprobado polo Parlamento de Galicia en 1984 cun texto oficial, sabendo de antemán que había un texto real: o escrito polo poeta Eduardo Pondal, que é o que defende no seu libro Pilar García Negro.

Esta insigne especialista segue así os pasos do tamén profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, quen sentou en 1996 a textualidade verdadeira con precisión e exactitude.

Quen canta o Himno de Galicia quizais non o saiba, pero cando din cinguido deberían dicir cinxido; e no canto de chan deberían cantar clan. Pero hai moitas máis palabras que cambian, o cal ás veces non é relevante; pero outras si. Polo menos segundo o criterio desta profesora que leva toda unha vida consagrada á literatura.

Da man do seu libro, editado polas fundacións Galiza Sempre e Galiza Cultura, Pilar García Negro segue, pois, coa súa loita para que Galicia non teña un semihimno. Por algo propón que se interprete sempre o himno enteiro, con catro estrofas -as do poema de Pondal- e non só dous.

Pilar García Negro cre que tamén é precisa unha campaña de popularización e difusión masiva da letra e da partitura do Himno de Galicia, íntegras e restauradas.

Estudou Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesora de lingua española no Instituto Eusebio da Guarda (A Coruña) entre 1976 e 1985 e na Sardiñeira entre 1985 e 1990.

Sempre deu clases de lingua en galego, feito que lle valeu a apertura dun expediente sancionador en 1983. Desde 1991 é profesora na Universidade da Coruña. Colaborou coa sección O idioma no seminario A Nosa Terra, desde 1978 ata 1979 e con posterioridade en Lecciones de Literatura y de Lengua con Xosé María Dobarro de 1979 a 1980.

Pilar García Negro interveu en numerosos congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, linguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo, e publicou edicións e estudos sobre Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Xesús San Luis Romero, Ramón Villar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Manuel María, Maria Xosé Queizán, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés.

Foi presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña entre 1983 e 1988 e deputada no Parlamento de Galicia polo BNG entre 1989 e 2003.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada e contraportada do libro.

Pilar García Negro, autora do libro.