Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "GUÍA ILUSTRADA DAS IGREXAS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA"

Data 15/11/2017 19:30

Das numerosas igrexas que se levantan no centro histórico da cidade, nesta guía descríbense e ilustran unha selección destas elixidas polo interese que espertaron no artista que as ilustra e non por razóns de valía histórica ou artística. A guía conforma un itinerario suxestivo e significativo que mostra a beleza de Santiago.

Intervirán no acto Marta González Vázquez, historiadora; Joaquín González Dorao, ilustrador; e Gemma Sesar, editora.

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial acaban de publicar a "Guía ilustrada das igrexas de Santiago de Compostela". Reúne un total de 19 templos emblemáticos da cidade. Todos eles teñen en común que están situados no centro histórico de Compostela, contan cunha historia relevante e, ademais, posúen unha arquitectura destacable.

O percorrido parte da igrexa de Santa Susana e conclúe na capela de Santa María da Corticela. Profúndase nas igrexas dos conventos de San Francisco, Carmen de Arriba, Santa Clara, Santo Domingo de Bonaval e San Agustín; e nas dos mosteiros de San Paio de Antealtares e San Martín Pinario. Repárase tamén nos templos de San Fructuoso, Santa María do Camiño, San Fiz de Solovio, Compañía de Jesús, Santa María de Salomé, San Bieito e San Miguel. E retrátanse ademais as capelas de San Roque, Rosario e as Ánimas.

As ilustracións son do gaditano Joaquín González Dorao. Comeza sempre os seus debuxos cunha base de lapis, que detalla e estiliza con rotuladores, e completa con acuarela, engadindo logo tipografía en forma de titulares e textos.

A autora dos textos é a historiadora galega Marta González, doutora en Historia Medieval pola Universidade de Santiago. Neles abórdanse as orixes de cada templo, a quen pertencían, os seus principais características e estilo arquitectónico, as transformacións que foron sufrindo ao longo do tempo e as peculiaridades de cada un. A publicación está editada en catro idiomas: castelán, galego, inglés e alemán.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro.