Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do poemario FUGACES, de Sofía Casanova, publicado pola editorial Torremozas, con introdución de Amelia Serraller

Data 14/12/2017 19:30

A publicación dun cancionero excepcional como Fugaces, sen reeditar ata a data, suple unha carencia e un baleiro inxusto. O obxectivo é dobre: dun lado, descubrirlle ao lector un gran poemario, precursor do Modernismo. Doutro, rescatar das fauces do esquecemento a poderosa voz e figura de Sofía Casanova.

Participarán no acto de presentación Alfonso Armada, escritor e xornalista; Liz Wittlin, escenógrafa e artista visual; Amelia Serraller, autora da introdución; María Tecla Portela Carreiro, poeta; e Marta Porpetta, editora.

O acto contará coa presenza da embaixadora de Polonia, Marzena Adamczyk.

SOFÍA CASANOVA (A Coruña, 1861- Poznan, Polonia, 1958) considerada a primeira muller española correspondente de guerra, foi testemuña dos principais acontecementos bélicos da primeira metade do século XX, e realizou un inmenso labor literario como xornalista, novelista, dramaturga e poeta, sendo esta última a faceta menos coñecida da autora. Preséntase nesta edición o seu poemario Fugaces (1898), ademais dun interesante material fotográfico, en parte inédito en España. 

A vertente lírica da súa obra volve agora á actualidade coa publicación de "Fugaces" (Edicións Torremozas), o seu segundo volume poético, que non fora reeditado desde a súa primeira aparición en 1898 na colección Biblioteca Galega, creada por Andrés Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre, fundador este último de La Voz de Galicia. Precisamente os versos deste libro foron concibidos e redactados durante unha estancia da autora en Galicia, que se refuxiou na súa terra natal tras a temperá morte, aos cinco anos, da súa terceira filla, Jadwiga, aínda que non conseguiría escorrentar a depresión que a afectou.

Ademais da introdución da experta Amelia Serraller, o libro incorpora un anexo con fotos da vida de Sofía Casanova, moitas delas inéditas en España, co que se converte nun documento imprescindible para quen queira profundar no coñecemento da autora.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portado do poemario Fugaces, de Sofía Casanova, editado pola Colección Torremozas.