Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición de fotografía "Ferrol en reflexos", de Manuel Pombo

Do 03/04/2018 ó 27/04/2018

Manuel Pombo afástase con claridade dos convencionalismos das clásicas representacións fotográficas, para buscar unha nova traxectoria plástica e estética sen saírse da súa contorna máis cotiá e próxima, neste caso a súa amada cidade de Ferrol.

Pombo logra nesta mostra non só impactar ao espectador, senón tamén entrar nun mundo imperceptible, efémero, que se poderá contemplar ata o 27 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Nacido en Ferrol en 1951. Fotógrafo autodidacta e apaixonado das paisaxes e edificios de Ferrolterra, tras retirarse empeza a ter tempo para a súa verdadeira paixón: capturar co seu obxectivo o que o seu ollo considera arte, a súa cidade.

O reflexo do «charco" xa é un clásico da fotografía ferrolá desde que no século pasado o mítico Manuel Ferrol cultivase esta faceta, así como o seu discípulo Manel. Nas súas fotografías podemos observar como o autor plasma a realidade obxectiva, subxectivándoa e transmutándoa a través do reflexo desta noutras superficies: cristal, espello, superficies de auga…

A orixinalidade de Pombo é que non se cingue á duplicación de realidades simétricas ou distorsionadas no reflexo, senón que busca un algo máis… un enfoque que ás veces se materializa na imaxe falseada, outras no rumbo do representado, ou en achado do punto de vista atípico e único que singulariza un obxecto próximo. Consegue prolongar a súa creación máis aló da representación fotográfica, invadindo o espazo do que observa. Así Pombo desconcerta en todas e cada unha das imaxes saídas da súa lente.

Paralelamente a este logro técnico, as súas creacións aparecen impregnadas dunha gran sensibilidade artística que logra a través de dous camiños: composición e cor. Un singular e atinado estudo compositivo dos elementos confire ás súas obras unha gran expresividade e modernidade e o uso dun rexistro cromático con matices de gamas temperadas en negros, grises e ocres…salpicadas de brancos ou motas de cores anecdóticas, fan que as imaxes de edificios, escaparates, figuras humanas.. todo o cosmos que protagoniza as súas composicións xunto á "poética do charco" destilen un halo de melancolía.

Unha impresión nostálxica desborda a esfera da captación sensorial para entrar en órbitas afectivas, neste caso as emocións que suscita a súa cidade Ferrol e o sabor agridoce dunha decadencia inexorable.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Manuel Pombo, fotógrafo autodidacta, plasma nesta exposición a súa paixón polas paisaxes e edificios de Ferrolterra.