Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición de pintura "A MIRADA EXTENSA", de Isabel Pintado

Do 05/06/2018 ó 29/06/2018

A pintora, madrileña de nacemento e coruñesa de adopción, presenta unha selección de paisaxes, nas que demostra o seu coidado oficio. Ao contrario que noutros traballos anteriores, onde o realismo abríase camiño a través do pincel da artista, nesta ocasión penetra na abstracción máis pura. Non representa a paisaxe en si, senón a súa transformación, a pegada que deixa na memoria despois de ser contemplado.

Poderá visitarse ata o 29 de xuño en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Isabel Pintado é Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, obtendo Mención de Honra na especialidade de Gravado.

Nace en Madrid e trasládase a Galicia no ano 1991 onde reside e desenvolve o seu labor profesional.

A súa actividade docente relacionada coas artes plásticas comeza en Madrid e continúa en Galicia, impartindo cursos e talleres de pintura e gravado sen interrupción a partir do ano 1993 en diferentes institucións tanto públicas como privadas.

Con máis de 40 exposicións individuais de pintura realizadas, a súa obra plástica, recoñecida, entre outros, co Premio Arte Nova Galega (2008), foi exposta nas principais cidades de Galicia e de España, así como en Francia, Holanda e Portugal, sendo convidada o Salón d' Automne de París en varías ocasións. Obra da súa autoría foi adquirida polas deputacións da Coruña, Lugo, Guadalaxara, e está presente en numerosas coleccións institucionais e privadas de Galicia, Madrid, Valencia, Andalucía e Portugal.

Participa en proxectos diversos como "Poesía Suspensa" (2010) exhibidos nas diferentes cidades do Camiño de Santiago.

Realizou diversos proxectos relacionados coa escenografía, o deseño e a ilustración, publicando varios álbums ilustrados. Un dos últimos foi "A Cara Oculta dos Versos" percorrendo as bibliotecas máis importantes de Galicia e que agora chega ampliada a esta Casa de Galicia en Madrid.

A súa pintura é unha exploración do espazo e un proceso de coñecemento a través da natureza. E faino cunha rica variedade de rexistros plásticos no manexo dos recursos que lle permite o óleo e a pintura acrílica.

A mostra que presenta na Casa de Galicia en Madrid, complétase cunha selección de libros de poesía, intervidos plasticamente pola súa man de artista.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

AZUL ATLÁNTICO - Mixta lenzo - 30 x 30 cm.

CÓMAROS VERDES - Mixta lenzo - 116 x 100 cm.

MIRADA - Mixta lenzo - 20x 40 cm.

A pintora Isabel Pintado.