Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición de pintura "PERCEPCIÓNS", de Manuel Carballeira

Do 03/07/2018 ó 29/07/2018

Artista autodidacta, Manuel Carballeira presenta unha mostra onde se pon de manifesto a súa evolución artística, o perfeccionamento da súa técnica e a gran calidade das súas obras. O visitante poderá contemplar as súas creacións que son unha homenaxe a Galicia, ás súas xentes e a súa paisaxe, ata o 29 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Nace na comarca da Terra Cha, na parroquia de Sistallo, do concello de Cospeito (Lugo).

Estuda na Universidade Laboral de Valencia entre 1975 e 1978, na Universidade Laboral de Ourense de 1979 a 1982, e alí entra en contacto co mundo das Artes Plásticas da man do artista ourensán Pablo Rodríguez Fernández "Oitabén". Nesta etapa comeza a pintar ao óleo, nas materias de artes plásticas, cando algúns dos seus profesores adquire algún dos seus traballos. É na Universidade Laboral de Valencia onde obtén o seu primeiro premio de pintura.

En 1988 e 1989 volve coincidir con Oitabén, para traballar xuntos nun proxecto de debuxos animados para a Televisión de Galicia.

A partir de 1991 comeza a súa dedicación plena á pintura, facendo a súa primeira exposición en 1992.

En 1995 deixa algo de lado a pintura, traballando como creativo nunha empresa de artes gráficas, pero compatibilizando esta actividade coa docencia impartindo clases de pintura, clases que xa nunca abandonará.

É nesta empresa dedicada ao deseño gráfico e industrial, o que lle permite seguir creando e desenvolver un amplo traballo tanto a nivel de deseño gráfico e rotulación (identidades corporativas, cartelería, logotipos) como de deseño de interiores.

Tamén a partir de 1992 comeza a participar en concursos de pintura, tanto en modalidade de pintura de estudo como nos concursos de pintura rápida, ou "pintura fresca", onde obtivo numerosos premios, recibidos diversos certames en toda a xeografía nacional. Conseguiu máis de vinte primeiros premios, máis dunha ducia de segundos e outros tantos de terceiros premios, tamén accésits e mencións de honra sumando máis de setenta premios en total.

A súa pintura é fundamentalmente figurativa, realista e en ocasións impresionista. Pinta paisaxes do natural, mariñas, bodegóns, retratos, figura... realizando algunha incursión no abstracto.

Como creativo, desde os 16 anos, realizou murais, con pintura ou aerógrafo; restauración de imaxinería, decoración de retablos, creación de logotipos para marcas comerciais e publicidade, cartelería....

Os procedementos empregados son case sempre o óleo, aínda que tamén realiza traballos en acuarela, pastel, plumilla, acrílico, etc.

Realizou máis de medio centenar de exposicións, individuais e colectivas, Ferrol, Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Madríd, Alacante, Xirona, Bilbao, Granada, Chaves (Portugal), Cedeira, Narón, As Pontes…



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

GALA - Óleo sobre lenzo. 55 x 60 cm.

PRAIA DE MEIRÁS - Óleo sobre lenzo. 85 x 60 cm.

VACAS DO PAÍS - Óleo sobre lenzo. 81 x 65 cm.

MANUEL CARBALLEIRA RIVAS (Cospeito - Lugo, 1964)