Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "SACAR A BAILAR. Poesía reunida (2009-2016)", publicado pola editorial Sial Pigmalión, de Rosalía Fernández Rial

Data 12/01/2017 19:30

Participarán no acto, ademais da autora, Pati Blanco, xornalista, poeta e escritor; Montse Pena Presas, prologuista do libro; Xiana Lastra Pernas, deseñadora da portada e editora do vídeo promocional; e Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión.

Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988) entende a poesía como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros (principalmente o dramático, pero tamén o épico) e que se impulsa cara á vida.

A performatividade destes versos non é buscada senón que simplemente está, porque habita neles e o seu sentido non se completa ata que esta emerxa. Tan só un apuntamento biográfico neste prólogo que non quere selo para entender o macrotexto rosaliano mellor: a autora non só é poeta, senón que é tamén dramaturga, actriz e impulsora de diversos proxectos de alento musical, ademais de ser profesora e investigadora en didáctica das linguas. É importante coñecelo, porque todas estas facetas entrecrúzanse, creando unha poética híbrida, heteroxénea, singular, que leva cara a unha poesía que aspira a ser liberada para impactar facendo ruído e quedar en quen a transita, levantándose, lenvantándonos.

Rosalía Fernández Rial (1988) concibiuse a través da palabra, ideando unha xénese inicial desde a literatura escrita e a linguaxe escénica. Na súa fase filolóxica indaga sobre teatro clásico e realiza diferentes traballos académicos vinculados ao Grupo de investigación Calderón de la Barca. Tras licenciarse inicia un período de mutación cara á didáctica das linguas, da literatura e da expresión dramática; primeiro no Traballo Fin de Máster e logo a súa Tese doutoral. Nese proceso de transformación intelectual, mantivo sempre unha intensa preparación física e actoral, mediante as que tenta interpretarse.

Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012), Ningún amante sabe conducir (2014), e Contra-acción (2016). Títulos cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais.

Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra ensaística máis relevante, que deriva da Tese Doutoral defendida ese mesmo ano e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas.

Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro

Rosalía Fernández Rial, autora do libro