Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Proxección do documental e posterior coloquio "REIVINDICANDO A M.ª VICTORIA MORENO", de Millo Films e TVG

Data 17/05/2018 19:30

Este documental, dirixido por Gonzalo E. Veloso, elaborouse cunha finalidade didáctica, destinado ao conxunto dos cidadáns. Nel, as voces dos participantes ofrecerán información concreta sobre M.ª Victoria Moreno, unha das voces pioneiras da narración en galego destinada a público infantil e xuvenil; e a cuarta muller en ser homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.

Este ano 2018 é o ano de María Victoria Moreno, ocasión de dar a coñecer aos cidadáns todas as facetas e a figura poliédrica de María Victoria. É unha ocasion histórica por ser unha das escasísimas mulleres homenaxeadas pola RAG coa distinción das Letras Galegas. Da man dos participantes, neste documental imos coñecer á escritora e á súa obra, mais tamén á editora, á amiga e á nai.

Entre algúns dos participantes figuran os familiares máis directos, como o seu viúvo Pedro Ferriol, a súa filla Begoña Llacer ou os seus irmáns Sara e Rafa Moreno; amigos íntimos como Xavier Senín ou Fina Casalderrey, así como outros amigos e expertos como Nenuca e Tito (os Titos) da Libraria Seijas, Isabel Soto, Marilar Aleixandre, Alonso Montero, Francisco Castro, Xesús Rabade Paredes, Rosario Álvarez, Pilar Álvarez, Victor Freixanes, Montse Pena, Luis Bara, David Otero ou Antonio Garcia Teijeiro.

O documental compleméntase con material de arquivo, especialmente doméstico, no que se pode ver á escritora na pantalla, ter a súa imaxe, conectar coa persoa e entender así mellor a súa obra e a súa vida adicada á literatura galega.

María Victoria Moreno non naceu en Galicia nin tivo o galego como lingua materna. Pero viaxou cara a Galicia e cara ao galego, habitouno e convidou á súa viaxe a incontables mozas e mozos.

A escritora, á que se lle dedicará o 17 de maio do 2018, chegou a Galicia moi nova, con menos de 30 anos. Non viña da súa Extremadura natal, porque xa pasara por Barcelona e mais por Madrid, onde estudou Filoloxía Románica. A principios dos escuros anos 60 comezou a dar clase en Pontevedra, a que tras breves estadías en Lugo e Vilalonga tornaría na súa cidade e onde o seu nome ficaría ligado para sempre á historia de dous centros educativos, os institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, ao que cedeu a súa enorme biblioteca persoal.

María Victoria Moreno foi alumna de galego e ensinante, despois, mesmo cando o ensino da lingua propia de Galicia aínda estaba fóra da lei. Fíxoo, por exemplo, na Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra, en Vilagarcía ou no Ateneo de Ourense.

O seu traballo literario foi tamén esencial para entrar en contacto co idioma para varias xeracións de estudantes do país. Anagnórise (1988) é a referencia masiva cunha vintena de edicións, pero xunto a ela están Leonardo e os fontaneiros (1985), a súa preferida, ou Guedellas de seda e liño (1999). A autora contactou coa infancia e a mocidade dende a ficción, pero tamén dende os libros de texto. Foi coautora dalgúns dos primeiros manuais de literatura galega para BUP e COU, ademais de formar profesorado nesa mesma materia.

Alén da literatura infantil e xuvenil tamén é peza esencial para entender a autora o seu derradeiro traballo, Diario da luz e a sombra (2005), un sereo ensaio ao fío do cancro de mama que rematou coa súa vida. O seu traballo estendeuse, asemade, á tradución, á antoloxía poética e mesmo á edición como codirectora da colección infantil Árbore, de Galaxia.

 

 

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

O Día das Letras Galegas 2018 rende homenaxe á escritora María Victoria Moreno.