Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación da novela "LA DAMA DE LAS SOMBRAS", de Xavier Seoane, publicada pola editorial Reino de Cordelia

Data 23/02/2017 19:30

O escritor coruñés Xavier Seoane presenta, con motivo do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, esta novela, versión en castelán da obra orixinal "A dama da noite".

A obra narra a vida da poetisa por medio dunha ficcionalidade verosímil que respeta en todo momento a obra e o espírito da protagonista.

Participarán, xunto ao autor da novela, Miguelanxo Fernán Vello, escritor; Luis García Montero, escritor; Marina Mayoral, escritora; e Jesús Egido, editor.

Trátase dunha biografía novelada sobra a angustia vital da poeta Rosalía de Castro.

A través dunha obra de absoluta ficción, pero rigorosamente documentada, recréase a dramática loita entre a vida e a morte, a confusión entre o real e o soñado, así como os feitos, loitas e aspiracións dun horizonte histórico nunha Compostela de soños liberáis e románticos, de anhelos desgarrados e rotos.

Esgotada pola dor, a inxustiza e a miseria, Rosalía de Castro enfróntase aos últimos momentos da vida, ao tramo final da existencia dunha muller única, dunha poeta que loitou pola igualdade adiantándose á súa época. Os recordos brotan no leito entre a enfermidade, a febre e a dor. E entón comezan a desfilar na súa conciencia os feitos relevantes da súa vida, desde a súa infancia solitaria ata a actual compañía dos seus fillos. Amores, desamores, pensamentos, libros, viaxes, soños?... Recordos entrecortados, nunha néboa que os vai enterrando no definitivo esquecemento …

 XAVIER SEOANE (A Coruña, 1954) estudou Filoloxía Románica en Compostela e desde 1975 compaxina a creación literaria, a crítica de arte e a animación cultural. En colaboración con Raúl Reguera publicou Poesía experimental (1978) e xunto ao poeta e xornalista Manuel Rivas o poemario Anisia e outras sombras (1981). En Don do horizonte (1999) recompilou todos os seus libros de poesía escritos ata ese momento, entre eles Iniciación e Regreso, co que obtivo en 1982 o premio Cidade da Coruña.

Posteriormente publicou Dársenas do ocaso (2002), I premio de poesía Caixa Nova e Premio da Crítica Española; a plaquette Longas augas (2003), Vagar de amor e sombra (2004), Para unha luz ausente, Premio de Poesía Espiral Maior (2006); Do ventre da cóbrega (2008), Raíz e soño (2009) e Espiral de sombras (2013).

En narrativa é autor de Abre la puerta al mar (2015), o conto infantil Historia do can que caeu no tinteiro (2007), a novela xuvenil Filiberto e Sofonisba (2010) e en 2013 apareceu A dama da noite, novela sobre a vida de Rosalía de Castro, traducida por el mesmo ao castelán como La dama de las sombras.

A súa obra poética foi traducida a varios idiomas e figura en múltiples antoloxías de poesía galega actual.

 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro

Xavier Seoane (A Coruña, 1954) é o autor desta biografía novelada sobre Rosalía de Castro.