Difusión económica e empresarial

Na área económico-empresarial, esta Casa organiza asimesmo, nas mesmas Salas "A", "B" e "L" descritas no apartado cultural, e dentro do ámbito que lles é propio, presentación de produtos de empresas galegas de diversos sectores (viños, produtos de alimentación, denominacións de orixe, degustacións e catas), reunión de asociación, empresarios e organismos da Xunta de Galicia, mostras de artigos galegos de artesanía, presentación de coleccións de moda de deseñadores galegos, presentacións de importantes celebracións e feiras comerciais de Galicia, presentación de campañas turísticas, cursos de formación e xornadas dirixidas a profesionais, firma de acordos, seminarios, etc. Todo o anterior permite ás empresas e entidades galegas de calquera sector, que poden empregar gratuitamente as instalacións, darse a coñecer mediante a presentación dos seus produtos ós medios e profesionais ou ó público en xeral.

Ó igual que na área cultural, a Sala de preferencia para a realización dos actos de índole económico-empresarial é a "A" ou salón principal, que é onde teñen lugar as presentacións de cara ó público. A Sala "B", pola súa parte, é a máis adoitada para a instalación de exposicións que precisen dunha montaxe especial e, sobre todo, das que non deben ocupar o espazo interior da Sala "A", coma as mostras de artesanía. No que se refire ás reunións, éstas teñen habitualmente como marco a Sala "L", que se transforma nestes casos en Sala de Reunión con capacidade para 20 persoas sentadas. Para un número de persoas inferior a 8, a Casa conta con despachos, que, trala correspondente solicitude, cede a estes efectos.

Se desexa promocionar o seu proxecto ou producto, pode comunicalo empregando o formulario de Proposta de actividade