Saúdo do director

A miña cordial e afectuosa benvida ao noso sitio na rede a todos os galegos e aos que, sen selo, aman a nosa cultura, as nosas tradicións, a nosa paisaxe e a nosa hospitalidade. Aquí teñen a súa casa.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia ofrécelles múltiples servizos, que poden consultar nesta web. Esta casa é a sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid, que funciona como delegación administrativa do Goberno autonómico de Galicia e constitúe, polo tanto, un centro de información e atención ao cidadán. Un equipo de funcionarios e expertos colaboradores atenderán as súas demandas e daranlles o trámite procedente. Poden presentalas nas nosas oficinas, persoalmente, por correo postal ou electrónico, e nós trasladarémolas aos órganos competentes da Xunta de Galicia.

A actividade cultural desenvolvida na nosa casa é moi relevante. O noso obxectivo é servir de escenario para a difusión da cultura, a economía e o turismo de Galicia. A oferta, moi rica e variada, proxéctase en xornadas culturais de amplo espectro que abranguen conferencias, exposicións de pintura, escultura e fotografía, presentación de libros (poesía, ensaio, narrativa, estudos, biografías, monografías etcétera), mesas redondas e coloquios sobre materias de máxima actualidade e recitais e concertos de música a cargo de recoñecidos intérpretes e compositores, nos que lles damos prioridade aos novos valores.

Esta delegación xera e atesoura un amplo fondo bibliográfico e documental e unha extensa pinacoteca, que poden visitar dende esta web, onde poderán coñecer algunhas dependencias da casa e a súa historia.

No ámbito económico-empresarial, cedemos espazos a empresas, empresarios e promotores galegos que desexan dar a coñecer os seus produtos e proxectos en Madrid. Promóvense conferencias, xornadas empresariais, presentacións de feiras, promocións e degustacións, entre outras actividades. Entidades públicas e privadas utilizan as dependencias da sede para reunións de traballo, sinatura de acordos, seminarios e outros eventos.

No campo turístico, a Casa de Galicia conta cunha oficina de turismo de Turgalicia, que ofrece información e orientación sobre viaxes, rutas e estancias, ao tempo que organiza numerosos actos de promoción turística e colabora noutros.

Invítoos formalmente a que veñan coñecernos. A nosa casa, un belo edificio dos anos vinte, está situada na zona máis nobre de Madrid, no triángulo cultural da capital formado polos museos do Prado, Thyssen e Raíña Sofía. Somos veciños do histórico templo dos Xerónimos, da Real Academia Española, do Botánico, do Casón de El Buen Retiro, dos museos do exército e doutros monumentos de alta significación histórica.

Compartan algo do seu tempo connosco. Somos Galicia en Madrid. O meu equipo e eu teremos moito gusto en saudalos, compartindo con vostedes amizade e memoria da nosa terra galega.

Un afectuoso saúdo.

José Ramón Ónega López
Delegado da Xunta en Madrid
Director da Casa de Galicia