Exposición de pintura "CORPO PERMEABLE/CORPO INSUBSTITUÍBLE", de Gema López
A Casa de Galicia acolle a exposición de pintura "Corpo permeable/Corpo insubstituíble" da artista lucense Gema López. A súa obra, que poderá visitarse ata o 30 de xuño, indaga na súa biografía constantemente para debullar teorías ao redor de sentimentos frustrados, a memoria, o trauma e a capacidade humana de resiliencia.
A pintora, que traballa sobre todo co óleo e o debuxo, técnicas coas que máis se caracteriza, presenta, tal e como manifesta Olga Pastor no prólogo do catálogo da exposición, unha mostra dividida en dous tramos enlazando dous conceptos: por unha banda, a unión do eu e as circunstancias que lle rodean: o corpo permeable; e polo outro lado, presenta un eu que busca a identidade individual a través da introspección e dos sentimentos que outras persoas xeran na súa psique. É o corpo insubstituíble, e conforma o segundo tramo da exposición.
Con esta mostra, a artista lévanos da man ao interior da súa psique e con iso, penétranos tamén no noso.
Gema López é licenciada en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea, creación e investigación pola Universidade de Vigo. Traballa como docente desde 2011 e é xerente de Gema López Estudio de Arte desde 2017, un proxecto artístico empresarial onde ofrece os servizos de academia de arte, deseño gráfico, ilustración,pintura e debuxo por encargo, ademais de exposición e venda das súas propias obras.
Como artista plástica, realizou a súa primeira exposición individual no ano 2006 e desde ese momento expuxo en diferentes salas do territorio nacional e internacional, tanto de forma individual como colectiva. Entre elas destaca o MARCO de Vigo, Museo do Pobo Galego, Auditorio de Galicia, ou as feiras JustMad (Madrid) e Parallax (Londres), entre outros.
A súa obra foi seleccionada en diversos certames e residencias artísticas; entre os seus premios destacan o 1º Premio de Pintura Universidade de Vigo (2010) e o 1º Premio de Artes Plásticas Xuventude Crea (2017).
Así mesmo, imparte conferencias e mesas redondas, participa en congresos artísticos e ofrece recitais poéticos. No ano 2021, publica o seu primeiro libro, un poemario ilustrado titulado "El armario", editado por Multiverso.