A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Secretaría Xeral de Presidencia da Xunta de Galicia acordaron a realización de actividades de formación en lingua e cultura galegas na Casa de Galicia en Madrid.
Ao amparo deste acordo, convócase, con carácter gratuíto, un curso de lingua e cultura galegas.
O curso impartirase entre o 4 de outubro de 2023 e o 26 de xuño de 2024, os mércores, de 18:00 a 20:00 horas.
O curso desenvolverase na modalidade presencial e terá unha duración total de 70 horas. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia do alumnado, xustificada ou non, non poderá superar o 10% das horas lectivas do curso.
Os contidos que se impartan terán, entre outros, o obxectivo de facilitar ao alumnado os coñecementos necesarios para participar, de ser o caso, nas probas correspondentes ao Celga1 (nivel A2, segundo o descrito no Marco común europeo de referencia para as linguas).
O sistema de avaliación basearase no principio de avaliación continua. Será obrigatoria a realización das prácticas establecidas e as tarefas propostas, ademais dunha proba final, que constará dunha parte escrita e outra oral. Ao finalizar o curso o alumnado que obteña a cualificación de apto recibirá o correspondente diploma.
As persoas que desexen participar no curso deberán imprimir e cubrir a solicitude publicada na páxina web da Casa de Galicia en Madrid (https://casadegalicia.xunta.gal) e presentalo no rexistro da Casa de Galicia (C/ Casado do Alisal, n.º8.- Madrid) ou en calquera dos rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo Común das Administracións Públicas.
O prazo de presentación de solicitudes será do 14 e o 25 de setembro de 2023, no horario habilitado pola Oficina de Rexistro da Casa de Galicia -luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas-. Serán excluídas as solicitudes que non estivesen debidamente cubertas e as presentadas fóra de prazo.
O curso poderá ser solicitado por persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran dentro do ano natural da convocatoria.
O número máximo de participantes non curso será de 30. No caso de contar cun número de solicitantes superior, a selección do alumnado farase por rigoroso orden de entrada no rexistro. Elaborarase unha lista de reserva coas persoas excluídas que respectará igualmente a orde de presentación de solicitudes.
Unha vez finalizado o prazo de admisión de solicitudes, as persoas seleccionadas recibirán unha mensaxe de confirmación no correo electrónico que indicaron na de solicitude.
Madrid, 12 de setembro de 2023