Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 221 - 230 de 766 resultados.

O fotógrafo lucense José Luis Fernández Liz expón na Casa de Galicia en Madrid a mostra "Fotos escritas a man"

Fernández Liz ante unha das súas obras.

O fotógrafo lucense fincado en Madrid, e catedrático de Administración de Empresas, José Luis Fernández Liz, exhibe na Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 30 de xuño a exposición de fotografías "Fotos escritas a man", composta de obras que combinan imaxes tomadas en diversas partes do mundo con reflexións escritas sobre o que transmiten.

A Casa acolleu esta tarde a reunión do grupo de investigación oncolóxica do IDIS con expertos en cancro de diferentes partes de España

1. Expertos oncólogos de diferentes partes de España acudiron á Casa para coñecer o proxecto PREDICTC presentado por un grupo do IDIS.

Un grupo de Investigación oncolóxica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), liderado polos doutores  Rafael López e Miguel Abal, presentou esta tarde o proxecto PREDICTC ante expertos en cancro de diferentes partes de España para analizar os resultados obtidos ata agora,  a viabilidade clínica e posibles variacións.

Xusto Beramendi: "Castelao é unha das figuras máis importantes da política galega por converterse case nun símbolo de Galicia"

Beramendi nun momento da súa conferencia.

Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires,1950) "é unha das figuras máis importantes da política galega da primeira metade do século XX e non polo poder que alcanzou no seu tempo, senón por converterse para as xeracións posteriores case nun símbolo de Galicia, recoñecido e enxalzado por todas as tendencias ideolóxicas democráticas, da dereita á esquerda, a pesar da súa condición de líder do nacionalismo galego". Así o mantivo hoxe o catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Museo do Pobo Galego Xusto Beramendi na conferencia "Castelao e a política", que impartiu na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, enmarcada no ciclo de conferencias "Ao redor de Castelao", organizado en colaboración coa Fundación Castelao.

Seixas Seoane: "Para Castelao a beleza e a verdade, que son o mesmo, están dentro das cousas, non na súa aparencia"

1. Na mesa, de esquerda a dereita, Miguel Anxo Seixas Seoane, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega e Xesús Palmou.

"Para Castelao a beleza e a verdade, que son o mesmo, están dentro das cousas non na súa aparencia", explicou o historiador, Miguel Anxo Seixas Seoane, na segunda conferencia do ciclo "Ao redor de Castelao", que organiza a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao. "Hai que acceder a ese interior para atrapala", seguiu dicindo o conferenciante, "unha conquista que non consegue, segundo o rianxeiro, nin a pintura nin a recente fotografía senón o debuxo humorístico e que el denomina caricatura". A estas conclusións chegou "Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, artista autodidacta, quen ademais de debuxar e de pintar investigou e converteuse nun teórico da arte. Tras numerosas lecturas elaborou unha conferencia titulada Algo acerca de la caricatura que impartiu moitas veces ata imprimila en Pontevedra en 1917. Antes de imprimila leuna en Vigo en 1910 e no Ateneo de Madrid en maio de 1915".

Xesús Palmou: "Castelao relacionou, por primeira vez, Autonomía con benestar"

1. De esquerda a dereita, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay e o conferenciante, Xesús Palmou. (FOTO LALIN PRESS)

"Castelao relacionou, por primeira vez, Autonomía, (Facenda), co benestar dos galegos", tal e como sinalou o avogado e expresidente do Consello de Contas de Galicia, Xesús Palmou, na conferencia inaugural do ciclo "Ao redor de Castelao", organizado pola Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao; co obxectivo de "achegar ao público madrileño a polifacética figura do insigne artista e intelectual galego, dunha maneira multidisciplinar, con reflexións, a cargo de diferentes estudosos, sobre os temas que marcaron a súa traxectoria, analizados desde a actualidade: o seu pensamento social, político, económico e artístico".

Román Rodríguez agradece a "xenerosidade e altura de miras" da familia Baltar por depositar o seu legado na Fundación Rosalía de Castro

Membros da familia Baltar co conselleiro Román Rodríguez, A. Fernández Angueira, A. Angueira e R. Jiménez.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, agradeceu esta tarde a "xenerosidade e altura de miras" da familia Baltar por depositar o seu legado patrimonial, de interese cultural e social para Galicia, na Fundación Rosalía de Castro. Así o trasladou con motivo da sinatura do acordo polo que se fai depósito do arquivo ‘Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló' na dita Fundación, o que implica o regreso a Padrón deste "importantísimo" fondo documental.

A Casa acolleu esta mañá a presentación de "Paraguay como destino turístico" coa directora de Turismo da Xunta e a ministra de Turismo do país

1. Nava Castro, directora de Turismo da Xunta, Marcela Bacigalupo, ministra secretaria de Turismo de Paraguay, e Antonio Rivas, embaixador de Paraguay en España.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou a colaboración "cada vez máis intensa" que existe entre Galicia e Paraguay en canto á promoción turística de ambos os dous países e lembrou que, pese á distancia, os dous países teñen grandes similitudes como, por exemplo, o Camiño de Santiago e a Ruta Xesuítica paraguaia. A directora fixo estas declaracións no transcurso da presentación Paraguay como destino turístico, na que participou a ministra de Turismo de Paraguay, Marcela Bacigalupo.

Francisco Castro presenta na Casa de Galicia a novela "Amor é unha palabra coma outra calquera", de gran éxito de vendas

Castro, na presentación da súa última novela, na Casa de Galicia.

O escritor vigués en lingua galega Francisco Castro presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a súa última novela, "Amor é unha palabra coma outra calquera", a número vinte e dous deste prolífico e galardoado escritor e editor e a terceira que presenta na Casa de Galicia. Foi publicada por Editorial Galaxia e está a romper todas as marcas de vendas pois desde a súa saída ao mercado, o pasado mes de febreiro, xa leva tres edicións.

Manuel María: "Poeta sinfónico"

1. De esquerda a dereita, o conferenciante, José Antonio Cascudo, o presidente do Consello do Estado José Manuel Romay e o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez.

"Poeta sinfónico", foi a cualificación coa que o conferenciante e escritor José Antonio Cascudo definiu a Manuel María, por, "a variedade das súas propostas literarias", dixo no relatorio "Manuel María: poesía, paisaxe e tradición", que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas. Ademais profundou no proceso de creación do poeta, guiado ao seu xuízo, por "unha perspectiva ecolóxica, unha filosofía do traballo análoga á dos labradores chairegos, que aproveitaban ao máximo os recursos que a súa contorna máis inmediata lles proporcionaba".

Iurisgama entrega a súa Insignia de Oro ao decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda

Lema Devesa saúda ao homenaxeado tras entregarlle o diploma que acompaña á Insignia de Ouro de Iurisgama. (M. Seixas)

A Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (Iurisgama), que preside o avogado e catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa, entregou hoxe a súa Insignia de Ouro ao decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila, en recoñecemento "á súa destacada defensa da Avogacía en Galicia e en España, así como o seu decidido apoio aos fins e actividades" da Asociación. Fíxoo nun acto celebrado na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, que contou coa participación do presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, do director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Goberno de España, Ricardo Conde Díez, do presidente do Iurisgama, do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega López, anfitrión do acto, e do propio homenaxeado, que estiveron acompañados na mesa por o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín Álvarez.

Mostrando o intervalo 221 - 230 de 766 resultados.