Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 1 - 10 de 772 resultados.

Presentación do libro "Cocina artesana cantábrica", na Delegación da Xunta en Madrid

1. De esquerda a dereita, Hipólito García BOLO, David González, Ramón Jiménez, Mariano Gamo e José Juan Martínez Ferreiro.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Cocina artesana cantábrica", terceiro número da serie Especial de cociña e poesía "Sesos y Tripas", (poemas sacados das tripas, receitas feitas con miolo), publicado por edicións Venguerén. O libro inclúe 35 receitas tradicionais de peixe de restaurantes artesanais da cornixa cantábrica e 36 poemas de autores destas terras, con ilustracións de Patricia Villamarín.

Presentación do DVD da longametraxe El vientre de Europa do director Juan Pinzás

1. O DVD, en primeiro termo, co director Juan Pinzás, o coordinador de Actividades Ramón Jiménez, o escritor e analista de cinema Fernando Alonso Barahona e o historiador Diego Moldes.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do DVD da longametraxe El vientre de Europa, escrita e dirixida polo cineasta vigués Juan Pinzás, único director español recoñecido oficialmente polo movemento Dogma 95, nomeado ao Goya en 2014, e cuxa estrea en cinemas tivo lugar en España no mes de novembro do pasado ano, previa rolda de prensa nesta Casa. O DVD que se presentou hoxe é unha coidada edición con subtítulos en inglés e inclúe, ademais da película, un excelente material extra con 70 minutos de duración, así como o ‘decálogo pinzasiano' explicado polo propio director creado para esta película.

Máis dunha vintena de profesionais galegas en Madrid visitaron a Casa de Galicia para coñecer a súa actividade e a posibilidade de utilizar os seus servizos

O delegado da Xunta en Madrid pousa riseiro coas profesionais que prometeron volver á Casa aos actos relacionados cos seus traballos e inquietudes persoais.

Máis dunha vintena de profesionais de diferentes ámbitos visitaron esta mañá a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para coñecer as funcións que desempeña, a programación, así como posibles aspectos de colaboración. Foron recibidas polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, quen lles deu a benvida e explicou unha breve historia da Casa, o edificio, e as diferentes salas e dependencias. Ademais respondeu a cantas cuestións lle expuxeron tanto relacionadas cos intereses profesionais como culturais e de lecer.

Vicente Araguas presenta na Delegación da Xunta en Madrid o libro "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea"

Os escritores Manuel Pereira, Antonio Domínguez Rey e Vicente Araguas, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, a escritora Luz Pichel, o editor Basilio Rodríguez Cañada e o escritor Miguel Anxo Fernán Vello.

 

O escritor, profesor e crítico literario coruñés Vicente Araguas presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea", publicado polo Grupo Editorial Sial Pigmalión en edición bilingüe, galego-castelán, no que nesta ocasión exerceu de antólogo e editor e para o que seleccionou unha parte da obra de vinte e seis poetas galegos actuais. Na presentación acompañaron a Araguas o presidente de Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, e os poetas antologados na obra Antonio Domínguez Rey, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Pereira e Luz Pichel, que recitaron algúns dos poemas recolleitos nela e expuxeron a súa particular visión da poesía.

"Sigo Plantando Árbores", exposición de Ehlaba Carballo de Dios na Xunta en Madrid, no mes de outubro

1. A artista Ehlaba Carballo ante a súa obra ESQUEMA.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a inauguración da mostra de pintura da artista multidisciplinar e vocacional de Xunqueira de Espadañedo, Ehlaba Carballo de Dios, que baixo o título "Sigo Plantando Árbores", ofrece unha exposición cuxos lenzos plasman unha das realidades da súa vida. Ehlaba planta árbores en sentido literal pero ademais, nesta etapa, tamén o fai nos seus cadros, enchéndoos da felicidade que isto lle proporciona. .

A concelleira de Turismo do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentou na Delegación da Xunta a programación das Festas de San Froilán 2018, con 280 actos para satisfacer a todos os públicos

O xornalista Manuel Lombao, a concelleira de Turismo de Lugo, Carmen Basadre, e o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, na presentación.

A concelleira de Turismo, Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a programación das Festas de San Froilán 2018, festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, que se celebran do 4 ao 12 do próximo mes de outubro e nos que están previsto que se desenvolvan 280 actos, con especial protagonismo dos artistas locais e con gran presenza do Camiño Primitivo. Basadre estivo acompañada na presentación por José Ramón Ónega, delegado da Xunta e director da Casa de Galicia e polo xornalista Manuel Lombao, pregoeiro desta edición. Entre os asistentes achábanse os xornalistas lucenses Pilar Falcón e Elías Rodríguez e o escritor Antonino Nieto.

A escritora lucense Celia Castro Fernández presentou na Delegación da Xunta o seu libro "Pintura y fotografía en el siglo XIX. Una aproximación al arte de Dionisio Fierros"

Celia Castro Fernández, Ramón Jiménez, Víctor Nieto Alcaide e Laura Rodríguez Herrera, coa portada do libro proxectada na pantalla.

A escritora lucense e catedrática de Historia da Arte Celia Castro Fernández presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "Pintura y fotografía en el siglo XIX. Una aproximación al arte de Dionisio Fierros", unha obra editada por Hércules de Ediciones que demostra a estreita relación que existiu entre a pintura e a fotografía no século XIX en España e a importancia que esta tivo no proceso creativo de moitas pinturas e fai un percorrido pola pintura e a fotografía do século XIX e, en especial, pola obra de Dionisio Fierros.

"Construíndo relacións comerciais e investimentos con Tunes", por Wacef Chiha

1. De esquerda a dereit, o presidente de AEGAMA Julio Lage, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega, o embaixador de Tunes Wacef Chiha, o director de FIPA Ibrahim Medini e a responsable de Comunicación de AEGAMA Isabel Noriega.

A Delegación da Xunta en Madrid/ Casa de Galicia acolleu esta tarde o relatorio "Construíndo relacións comerciais e investimentos con Tunes" que pronunciou o embaixador de Tunes no Reino de España, Wacef Chiha, primeira do ciclo organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, (AEGAMA) e cuxo obxectivo é profundar no coñecemento de diferentes países e propiciar contactos e relacións comerciais cos seus socios. Preto de medio centenar de asociados achegáronse á Casa para coñecer máis sobre Tunes.

Redes, territorio e memoria centran o XII Congreso Internacional de Estudios Gallegos

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a presidenta da AIEG e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid, Carmen Mejía, na inauguración do Congreso.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participaron esta mañá na Delegación da Xunta/Casa de Galicia en Madrid na inauguración do XII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que reúne entre o 10 e o 15 de setembro galicianistas de todo o mundo arredor do tema "Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio, memoria". Máis de 150 intervencións entre o 10 e o 15 de setembro converterán este encontro de galicianistas en epicentro da investigación sobre lingua, cultura e historia de Galicia.

O pintor colombiano Carlos Santos inaugurou hoxe naDelegación da Xunta/Casa de Galicia a mostra pictórica "Lalín"

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e o pintor Carlos Santos, ante unha das obras da mostra.

O pintor colombiano Carlos Santos inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a mostra pictórica "Lalín", dedicada á localidade pontevedresa na que reside desde hai tempo -despois de facelo na Coruña- e á súa coñecida festa gastronómica, "O cocido de Lalín". A exposición estará aberta ao público ata o próximo día 29 nas salas A e B da Casa.

Na inauguración interviñeron, ademais do pintor, o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, o fotógrafo lalinense Manuel Seixas e a xornalista e presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón.

Mostrando o intervalo 1 - 10 de 772 resultados.