Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolle durante o día de hoxe a Cata "Túnel de Viño" con casie oitenta referencias dos mellores viños e destilados de Galicia

Ás 13 horas presentouse a "Guía de Viños, destilados e adegas de Galicia, 2014", dirixida por Luis Paadín, e elixida mellor Guía de España na categoría "Best Wine Tourism Book" polos premios Gourmand Wine Books Awards 2013.
Madrid, 22 de xaneiro de 2014

"Co éxito e a boa acollida que tivemos coa edición anterior, este ano repetimos e as previsións son inmellorables", dixo o director da "Guía de Viños, destilados e adegas de Galicia, 2014" Luis Paadín na Casa de Galicia. A delegación da Xunta en Madrid acolle durante o día de hoxe para medios e profesionais, e xa con preto de duascentas confirmacións, a cata: "Túnel de viño", con 78 referencias dos mellores viños e destilados de Galicia, -65 viños e 13 destilados, con horario de 11 a 14 e de 18 a 21 horas-. Ademais, ás 13 horas presentouse a "Guía de Viños, destilados e adegas de Galicia, 2014" elixida mellor Guía de España na categoría "Best Wine Tourism Book" polos premios Gourmand Wine Books Awards 2013.

Na presentación da Guía interviñeron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez; a presidenta da Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño, Isabel Mijares, e o director da publicación, Luis Paadín.

Nas súas palabras, Jiménez dixo a súa intención de “non lles falar da historia milenaria do viño, cuxo cultivo e cultura deviñeron nunha das riquezas máis civilizadas do mundo, como expresou no seu momento Ernest Hemingway, o escritor de vida aventureira que estivo en todas as partes. (Xa saben que non hai bar ou restaurante onde non haxa un letreiro que diga "Hemingway estivo aquí") porque, " ¡Que non saberán vostedes de viticultura e enoloxía! ". Jiménez centrouse nunha anécdota que lle sucedeu hai tempo cando degustaba unha cunca nun pobo de Pontevedra e lle fixo saber á dona do local que o seu viño era moi rico, diferente aos degustados noutros locais, ao que ela lle respondeu agradecida que era porque o seu produto "non era de teléfono" e logo lle explicou que "era da súa colleita" e que ela denominaba "viño de teléfono" a aquel que, cando se remataba, abondaba con chamar o provedor habitual para obter máis. Ningún dos viños da Casa son "viños de teléfono".

Para Isabel Mijares, "o labor que están a facer en Galicia cos viños é impresionante", especialmente tendo en conta a diminución no consumo experimentada en toda España, que está en só 14 litros por persoa e ano. Tamén destacou o esforzo tanto do sector coma dos divulgadores e recordou, que "o que non sae nos medios, non existe" e por iso a necesidade de reforzar o traballo". Neste sentido resaltou tamén o gran labor que realiza a Real Academia de Gastronomía.

Paadín, gran coñecedor do sector en xeral e especialmente do galego, quixo agradecer en primeiro lugar o apoio recibido polas diferentes entidades colaboradoras: Casa de Galicia, a Asociación Madrileña de Sumilleres (AMS), e a editorial ServinoConsulting, porque ademais, "a Guía non ten publicidade, para evitar susceptibilidades, con todo o que isto supón".

O enólogo destacou "a gran diversidade dos viños galegos. Non é habitual que nun territorio, relativamente pequeno como é Galicia, haxa tal concentración, tal diversidade e ademais con tanta calidade como neste caso", dixo. Ademais explicou outros detalles da guía:

Desta edición imprimíronse 2.000 exemplares. Unha boa parte deles grazas ao apoio dos 180 Mecenas que comparten a aposta, por segundo ano.

A Guía contén recensións sobre 478 Adegas, Destilarías e "Colleiteiros". Sumando, en total, máis de 1.500 marcas de Viños e Destilados de Galicia.

Para a súa elaboración catáronse máis de 800 Viños e Destilado, e para iso organizáronse 12 Paneis de Cata, nos que participaron 23 catadores, os cales realizaron 382 catas descritivas, con asignación de medallas (+ de 80 puntos para a obtención de medalla)

Para unha mellor comprensión e manexo a publicación conta con detalles infográficos das distintas zonas de produción. O obxectivo é "Divulgación exhaustiva; Rigorosidade nas catas; Coidado na produción técnica e Independencia na valoración (sen publicidade) " Tamén ten un vocabulario de cata, o listado das variedades de uva que se producen nas D.O. de Galicia (xunto cunha infografía, sobre un mapa de Galicia, no que se sinalan as zonas de produción) e tres índices: de Viños e Destilados, de Adegas e outro xeneral de tal maneira que o lector pode localizar doadamente a páxina onde aparece o Viño, Destilado ou a Adega que busca.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes