Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Rosalía volve á Casa ao conmemorarse 150 anos de "Cantares"

Aobra, publicada en 1863, conta con poemas de costumes, sociais, de emigración...
Madrid, 8 de abril de 2013

A Casa de Galicia conmemora os 150 anos da publicación de Cantares Galegos de Rosalía de Castro coa conferencia "A poesía rosaliana como símbolo da identidade galega" polo profesor de filosofía, Santiago Losada Carregal. No acto, varias persoas recitaron poemas que ilustraron as diferentes explicacións do relator.

A presentación do conferenciante realizouna o coordinador de Actos Culturais, Ramón Jiménez, e nas súas palabras recordou que "a publicación de Cantares Galegos, situou a Rosalía “como precursora, xunto a Curros Enríquez e Pondal, do Rexurdimento cultural de Galicia. Un libro con reminiscencias da antiga lírica galego-portuguesa, especialmente da popular, e con notables innovacións métricas".

Santiago Losada Carregal, natural de Marín, é licenciado en Teoloxía pola Universidade de Salamanca e profesor de Historia da Filosofía. Impartiu clases en centros de Cangas, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, así como nos Institutos de Ensino Secundario "Pérez Galdós" e "Marqués de Castelar" de Madrid. Foi ademais presidente da aula cultural "Asaute" e profesor da aula cultural do Centro de Maiores "Ponte de Toledo", ambos os dous en Madrid.

"Para falar de Rosalía non é necesario que se conmemore nada, porque a súa entidade o vale", dixo o relator para iniciar a súa disertación, pero nesta ocasión celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Galegos de "a nosa poeta, sempre viva" e expuxo unha breve biografía, cos datos máis relevantes que marcaron a súa curta existencia pois morreu con 48 anos.

" Cal foi o propósito de escribir Cantares?", preguntouse Carregal, "a mesma Rosalía nolo explica: dar vida e acción ás múltiples escenas, paisaxes e mariñas de Galicia; así como a todo o que se refire ás cousas dos homes que as poboan e ás paixóns que as dominan".

Tamén recordou o conferenciante que Rosalía non foi moi ben tratada por outros autores como o caso de Valle-Inclán que a reduciu a "aldea morriñenta", cando tamén apostou polos raros e esquecidos, por Galicia, pola defensa do seu idioma, reclamando os dereitos da muller, e denunciando o abuso secular sobre os galegos emigrantes".

Para falar dos contidos da obra dividiunos en catro apartados ben diferenciados: En primeiro lugar os Poemas de costumes, de humor e sátira, como a Romaxe ao Santuario da Virxe da Barca, que fixo acompañada da irmá de Eduardo Pondal. En segundo lugar os Poemas sociais e patrióticos, que dan ao libro un carácter cívico. O terceiro apartado ocúpao "a emigración a Castela, miserable e fanfurriñeira, onde os galegos padecían maltrato”. E por último, "o misterio existencial da vida, a dimensión filosófica do verso rosaliano, onde ao final triunfa a morte. O elemento dramático vén dado, non só pola soidade da protagonista, senón pola presenza vaga e chea de misterio da paisaxe familiar".

Rosalía quería demostrar que "a nosa terra é digna de loanza e que o noso idioma- nosa fala, non é a que cren coñecer como un dialecto bárbaro, os ignorantes,". Foi consciente de que escribir dende un país marxinado, e o seu libro "Cantares", a pesar dos compoñentes costumistas e folclóricos que moitas das súas páxinas conteñen, non é outra cousa que "a ilustración dunha ideoloxía que pretendía tanto afirmar os valores específicos da patria galega coma denunciar as inxustizas" das que "eran vítimas as súas xentes". Cantares está escrito nunha "legua viva influída polo castelán, non depurada, tomada directamente do pobo con todas as súas vacilacións fonéticas, sintácticas e léxicas, o que sen dúbida, apórtalle máis autenticidade".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes