Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Conferencia en la Casa "O Venerable Luis Trelles e Galicia" a cargo de Antonio Troncoso

O acto foi unha proposta de FAGAMA, Federación de Asociacións Galegas en Madrid
Madrid, 9 de xuño de 2015

A delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde o relatorio "O Venerable Luis de Trelles e Galicia", a cargo do presidente da Fundación Luis de Trelles e membro da comisión que promove a súa canonización, Antonio Troncoso de Castro. No acto, organizado pola Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA) con motivo da declaración de Venerable polo Papa Francisco, interviñeron ademais do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega López; o presidente de FAGAMA e promotor do acto Ovidio Cadenas Queipo; e o perito en Historia na causa de canonización de Luis de Trelles e Noguerol, Francisco Fontecilla Rodríguez, quen presentou ao conferenciante Antonio Troncoso.

Ónega, tras os saúdos e presentacións dos integrantes da mesa, instou a “coñecer os que van conformando a historia, porque é a forma de coñecernos a nós mesmos”. Neste sentido, "Trelles é xa Venerable, o que o coloca camiño da santidade, como lle aconteceu ao bispo e mártir lucense San José María Díaz Sanjurjo que foi canonizado xunto con outros mártires de Vietnam”, e de quen Ónega escribiu a biografía.
            Nas súas palabras, Ovidio Cadenas quixo destacar "o sempre cálido acollemento que nos dispensa a Casa, algo que agradecemos sinceramente unha vez máis".

            Pola súa banda, Francisco Fontecilla ademais dos aspectos máis relevantes da traxectoria profesional do relator, fixo un breve repaso por algúns dos múltiples antecesores, moitos deles fidalgos, así como das xestas que achegaron á historia galaica. Troncoso é natural de Ponteareas e fillo predilecto da vila; ademais de licenciado en Leis por Santiago; en Ciencias Sociais en Granada e Salamanca; doutorado na Universidade de Sevilla e diplomado en Dereito Político e Dereito Militar.

            Para Antonio Troncoso de Castro, Luis Trelles tiña moitos valores, entre eles o que era "extremadamente respectuoso con todo o mundo, mesmo, non cos inimigos, porque non tiña, pero si cos opoñentes".

            Trelles, lucense de Viveiro naceu en 1819. Foi xurista, defensor dos pobres, xa que os defendía  sen recibir remuneración polos seus servizos. Tamén foi político, escritor e incansable viaxeiro. En Madrid foi deputado e tamén participou na fundación de varios diarios e revistas. Entre elas estaba El Oriente que foi "a voz crítica galega en Madrid". Ademais, polo seu empeño persoal, creou unha comisión de trocos, en plena guerra carlista grazas á que logrou librar da morte ou o cativerio a máis vinte mil prisioneiros. Adiantouse medio século ás institucións que máis tarde avogaron polo dereito humanitario internacional. Trelles dedicou a súa vida a servir a Deus e aos seus semellantes dando exemplo dende a súa vida familiar cristiá. Tamén foi o fundador da Adoración Nocturna Española.

Faleceu en 1891 e foi declarado Venerable polo Papa Francisco en xaneiro deste ano.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes