Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Mª Victoria Veguín propón na Casa o potenciar a Vía Láctea como Camiño de peregrinos

A catedrática de Matemáticas sinalou que o ceo é unha materia pendente das institucións que promocionan o Camiño a Compostela
Madrid, 18 de abril de 2016

A catedrática de Matemáticas María Vitoria Veguín Casas propuxo unha campaña que vincule a Vía Láctea co Camiño de Santiago, xa que, ao seu parecer, o ceo é "unha materia pendente das institucións que promocionan o Camiño", que poderían crear pequenos observatorios para os peregrinos en lugares con baixa contaminación lumínica. Mesmo apuntou o título da posible campaña: "Peregrino elixe a túa estrela", inspirándose nas antigas crenzas do pasado que asociaban unha alma cunha estrela.

María Vitoria Veguín achegou estas suxestións na conferencia "A Vía Láctea e o camiño de Santiago" que pronunciou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, baseada no libro do que é autora libro "La Vía Láctea. Camino de dioses, almas y peregrinos", á que asistiron máis dun centenar de persoas, pois o Camiño é un tema que esperta sempre moito interese, especialmente entre os membros da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid.  

A presentación da relatora realizouna o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez e nela lembrou que Veguín xa ocupou a nosa tribuna en 1998 cando presentou o libro As Matemáticas e o Camiño de Santiago, "primeiro texto -que se saiba- da bibliografía xacobea que tratou este tema". Dez anos antes peregrinara a Compostela e ese feito abriu a súa nova liña de investigación que uniu coa súa paixón polas matemáticas.

Xunto coa aposta polo "astroturismo", a conferenciante achegou respostas a cuestións tan curiosas como por que se asociou a Vía Láctea ao Camiño de Santiago ou cal é a referencia escrita máis antiga na que aparece esta vinculación.

"A asociación do Camiño de Santiago cun Camiño de estrelas quedou fixada no capítulo I do libro IV do Códice Calixtino no que se narra o soño que tivo Carlomagno. Xorde entón a pregunta: para o descoñecido autor deste capítulo, ese Camiño de estrelas coincidía coa Vía Láctea".

En relación ao texto máis antigo, ata agora coñecido, no que aparece por escrito a vinculación da Vía Láctea co Camiño é "unha enciclopedia de Giovanni Balbius escrita cara a 1270 na que se denomina á Vía Láctea Vía Sancti Jacobi aínda que nela non se explica o motivo desta vinculación".

En relación a que fose guía para peregrinos sinalou que a dirección da Vía Láctea varía ao longo do ano e tamén cambia ao longo da noite. "Non é un reflexo celeste fixo do Camiño Francés en España, logo non se pode afirmar que sirva de guía aos peregrinos pola noite. Aínda que o certo é que desde a antigüidade a Vía Láctea foi asociada en distintas mitoloxías  a un camiño de deuses e heroes: Aryaman, Hércules, Vaghan, Iring....". Aínda que non sexa unha guía ao uso, a Vía Láctea é un espectáculo en si mesmo e por iso suxeriu a cantas persoas teñan previsto facer o Camiño que se baixen algunha aplicación do móbil sobre o ceo, que son gratuítas e permiten aos peregrinos observar o firmamento recoñecendo as estrelas e gozar doutro aspecto máis do Camiño.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes